O Huawei Mate X porase á venda en China o 15 de novembro
mércores, 23 de outubro do 2019
En
febreiro Huawei
anunciou o seu smartphone con pantalla encartable, o Mate X, que sorprendía
porque a súa pantalla, en contraste coa do Samsung Galaxy Fold, dobrábase na
parte exterior do dispositivo, ou sexa, que queda totalmente exposta cando o
trebello está encartado, o que semella un formato excesivamente fráxil, que
porase á proba cando chegue ao mercado en breve, pois tras meses de adiamento
no lanzamento deste teléfono, veñen
de anunciar que o Mate X poderá mercarse na China a partires do 15 de novembro
a un prezo de 16.999 iuans (2.163 euros), ou sexa, que ousan incluso a
vendelo máis caro que o dispositivo de Samsung.
O Huawei Mate X funciona cun procesador Kirin 980, 8 GB de RAM, 512 GB de
almacenamento, conectividade 5G, batería de 4.500 mAh con carga rápida a 55
watts e unha pantalla de 8 polgadas que ao encartarse quedaría como unha
pantalla frontal de 6,6 polgadas e outra traseira de 6,38 polgadas.
Dende
Huawei aseguran estar a estudar como será o lanzamento global deste dispositivo,
pois non podemos esquecer que actualmente aínda están sometidos ao bloqueo por
parte do Goberno dos EE.UU., o que impide que este dispositivo poida venderse
sen os servizos de Google preinstalados, o que é un serio atranco fóra de
China. Cando menos este tempo de espera servirá para saber se realmente estamos
ante un produto preparado para enfrontarse ao mundo real, ou se o seu formato é
un auténtico problema. Tamén é toda unha incógnita se o software estará á
altura da pantalla encartable, pois Huawei non colaborou estreitamente con
Google en tal optimización (como si fixo Samsung).