O ILG indaga na actual eclosión de perfís en galego nas principais redes sociais orais, Instagram e Tiktok

luns, 25 de maio do 2026 S. P.

Estudantes empregando dispositivos móbiles nunha imaxe de Santi Alvite (USC)

Universidade de Santiago, a través do proxecto IDEOLINGAL (Instituto Lingua Galega), lidera un estudo que aspira a coñecer en profundidade un fenómeno emerxente de gran relevancia para o idioma: a actual eclosión de perfís en galego nas principais redes sociais orais, Instagram e Tiktok. O proxecto IDEOLINGAL está dirixido polos profesores Carme Silva Domínguez da Facultade de Humanidades e Xosé Luís Regueira da Facultade de Filoloxía.
O seu obxectivo concreto é “analizar as ideoloxías lingüísticas e a construción de identidades en Galicia”, centrando a súa atención no papel emerxente da creación de contido en galego nas redes sociais orais.
A investigación propón unha metodoloxía innovadora que procura analizar “como nesta oralidade dixital podemos observar procesos de cambio lingüístico, ademais de coñecer de que maneira o contacto con español e inglés afecta á produción en galego do sector de poboación máis novo”.
As motivacións para o emprego da lingua galega, o papel do galego normativo na contorna dixital e a creación de comunidades de uso son tamén cuestións que se abordarán analiticamente ao longo dos tres anos de duración do proxecto.
A investigación conta con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e está liderada dende o Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC.
O proxecto salienta que os distintos formatos en que se produce para a publicación dixital permiten observar como instagrammers e tiktokers constrúen a súa identidade e toman decisións acerca do modelo de idioma máis acaído no esixente universo das redes sociais. Tamén pretende determinar se están en marcha na sociedade galega procesos de (re)creación identitaria, tanto individual como colectiva, relacionados coa lingua. A hipótese de partida consiste en postular que “efectivamente hai mudanzas significativas na visión e na práctica lingüística en galego das novas xeracións, xeralmente menos preocupadas pola corrección formal da mensaxe e máis implicadas en procurar unha naturalidade performativa que lles permita triunfar en redes”.
Explican os investigadores que “a hipótese coa que estamos a traballar é que a xente nova está reconsiderando o papel das variedades dialectais nas súas publicacións para as redes sociais orais”, explican os profesores responsables da investigación.
O proxecto afonda “nun espazo clave” para o coñecemento da realidade lingüística e sociolóxica da Galicia actual, xa que “a indagación sobre as ideoloxías da xente nova é especialmente pertinente nun momento no que as estatísticas amosan serias dificultades na transmisión interxeracional do idioma”, afirma a profesora da Facultade de Humanidades Carme Silva Domínguez.
Ademais, a investigación introduce aspectos que permitirán coñecer mellor o perfil laboral do instagrammer que emprega a lingua galega, cada vez máis requirido en campañas de mercateodtenia por empresas e institucións.
“Indagar nos novos procesos de revalorización e de resignificación do idioma en termos económicos (commodification) supón afrontar unha finalidade innovadora e unha lectura funcional da lingua”, engade o profesor Xosé Luís Regueira, tamén investigador principal do proxecto e profesor da Facultade de Filoloxía.
O equipo de investigación está formado por Elisa Fernández Rei, Montserrat Recalde, Vítor Míguez, Cibrán Tenreiro e Noemí Basanta; conforman o equipo de traballo Estela Fidalgo Garra, Miguel Guisantes Alonso e Daniel Amarelo Montero.