O ITG habilita en Marineda City un innovador sistema de control da calidade do aire

luns, 21 de xuño do 2021 Sandra Rivadulla

O Instituto Tecnolóxico de Galicia subministrou ao centro comercial coruñés Marineda City un sistema para controlar a calidade do aire nas súas instalacións co que facer monitoraxe, en tempo real, da concentración dos contaminantes máis habituais en suspensión. Búscase “ofrecer os mellores estándares de seguridade aos seus traballadores e clientes”.
Así, Marineda City converterase no primeiro centro comercial de España en implantar esa pioneira solución deseñada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia. Desta forma, unha rede de sensores instalados en distintos puntos do centro comercial controlará en tempo real a concentración de dióxido de carbono (CO2), radon ou os compostos orgánicos volátiles (COVs).
En total, o centro comercial contará con 18 sensores sen fíos para o control da calidade do aire interior das súas instalacións, repartidos en tres zonas principais: 9 nas zonas comúns do centro, que avalían concentracións de partículas PM2.5 e PM10, CO2, COVs totais e formaldehído; 6 sensores nos accesos ao aparcadoiro, co fin de garantir unha boa ventilación e que o monóxido de carbono que xeran os vehículos non se infiltre ao interior do centro comercial; e 3 sensores na zona de vestiarios do persoal de Marineda, que detectarán, entre outros, os niveis de radon no ambiente.
Segundo Bieito Silva, arquitecto e responsable da certificación WELL en ITG, “os responsábeis do centro comercial poderán coñecer en todo momento e mediante unha plataforma centralizada os indicadores monitorados polo sistema de medición da calidade do aire”. Na mesma liña, Manuel Alonso, director técnico de Marineda sinala que “este sistema de sensores permite capturar, analizar e utilizar datos en tempo real para realizar, no seu caso, intervencións positivas adecuadas, actuando sobre os sistemas de ventilación mecánica e natural”.
En definitiva, os usuarios e traballadores terán a garantía de dispoñer da mellor calidade do aire en todo momento durante as súas estancias no centro.

PUBLICIDADE