O LG G Watch R venderase por 299 euros a partires de outubro

xoves, 28 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Despois e que LG adiantara que ía facer fronte ao Moto 360 cun smartwatch con pantalla circular a través dun teaser, preferiu non agardar á feira IFA para detallar o que será o LG G Watch R, asegurando tamén que sairá á venda no mes de outubro a un prezo de 299 euros.
O novo smartwatch parece querer ser un dos máis completos do mercado, cunha pantalla P-OLED circular de 1,3 polgadas (cunha resolución de 320 x 320 píxeles), un procesador Qualcomm Snapdragon 400 a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, batería de 410 mAh, pulsímetro óptico, barómetro, xiroscopio, acelerómetro, compás e resistencia ao po é á auga IP67 (de xeito que aguantaría até 30 minutos a un metro de profundidade).
Este novo reloxo de pulso de LG funciona con Android Wear, polo que pode comunicarse con calquera smartphone con Android 4.3 ou superior. O seu marco é de aceiro inoxidable e vén cunha correa de pel de 22 milímetros que pode intercambiarse.

O LG G Watch R pretende gozar de grande atractivo ao optar por unha pantalla circular completa (mentres que o Moto 360 non pecha completamente o círculo por reservar espazo para sensores)

PUBLICIDADE