O Meizu MX incorporará procesador de 4 núcleos

luns, 16 de abril do 2012 Marcus Fernández

O Meizu MX contará con protectores de 5 cores

Mentres a nivel mundial o mercado dos smartphones está liderado por Apple e Samsung, en China hai un terminal que é quen de rivalizar co iPhone 4S e o Samsung Galaxy S II, o Meizu MX, que ten unhas prestacións bastante avanzadas con respecto ao seu prezo, e que vai actualizarse o vindeiro mes de xuño para incorporar un procesador Exynos A9 de catro núcleos, sendo o primeiro smartphone do mundo en incorporar tal procesador.
O novo Meizu MX con procesador de 4 núcleos contará cunha nova batería de 1.700 mAh, o que xunto con certas optimizacións de consumo do seu procesador permitirán unha maior autonomía; incrementará a súa velocidade de CPU un 60% e de GPU un 50%, permitirá reproducir vídeo en alta definición a 1.080p, ten unha pantalla cunha resolución de 292 puntos por polgada (bastante preto dos 326 puntos por polgada da pantalla Retina do iPhone 4S), cámara de 8 Mpíxeles, sistema operativo Android 4.0, e un prezo de 2.999 e 3.999 iuans (365,20 e 486,98 euros) nos seus modelos con 32 e 64 Gb de capacidade respectivamente.
Ante o anuncio do novo Meizu MX, o modelo con procesador de dobre núcleo reduce hoxe mesmo o seu prezo ata os 2.399 iuans (292,14 euros).

PUBLICIDADE