O Mi 11 estreará o Snapdragon 888

luns, 28 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Hai preto dun mes adiantaron que o Mi 11 de Xiaomi sería o primeiro smartphone do mercado en contar co procesador Qualcomm Snapdragon 888, situándose á cabeza dos móbiles con Android, e finalmente o produto faise oficial, de xeito que o Mi 11 é xa unha realidade no mercado chinés a un prezo que parte dos 3.999 iuans (500 euros) para unha configuración con 8 GB de RAM (LPDDR5) e 128 GB de almacenamento (UFS 3.1). Pagando 4.299 iuans (538 euros) podemos levan o almacenamento interno até os 256 GB e por 4.699 iuans (588 euros) incrementariamos tamén a RAM até 12 GB, polo que temos un rango de prezos moi interesante para un dos móbiles insignia que marcarán o camiño a seguir en 2021.
O Mi 11 non só pode presumir dun procesador sen competencia no mercado de Android, pois tamén conta cunha impresionante pantalla AMOLED de 6,81 polgadas con resolución WQHD+ (3.200 x 1.440 píxeles) e velocidade de refresco de 120 Hz (pantalla cunha puntuación A+ por parte de DisplayMate), unha impresionante cámara traseira tripa (cun sensor principal de 108 Mpíxeles), unha cámara frontal de 20 Mpíxeles, conectividade 5G, WiFi 6, NFC, emisor de infravermellos e Bluetooth 5.2, lector de impresións dixitais en pantalla con monitorización de ritmo cardíaco e batería de 4.600 mAh con carga con fíos de 55 watts, carga sen fíos de 50 watts e carga sen fíos de 10 watts, e batería de 4.600 mAh con carga por USB-C.
Pese a que estamos ante un móbil con carga rápida por USB-C, dende Xiaomi consideraron que era un bo momento para seguir certa senda marcada por Apple e este novo smartphone na súa versión ordinaria chegará ás tendas chinesas sen o seu tradicional cargador de parede, para o que tamén utilizaron a protección do medio ambiente como argumento, aínda que aseguran que tamén porán a disposición do público lotes que incluirán sen custo adicional un cargador de 55 watts, no que semella un parche para paliar as críticas recibidas ao darse a coñecer que o Mi 11 non incluiría cargador (xa que Xiaomi foi unha das marcas que fixo burla de Apple ao retirar o cargador dos últimos iPhone).
O Mi 11 comezará a chegar a mans dos compradores chineses o 1 de xaneiro, e confíase en que en poucas semanas chegue tamén ao resto do mundo como un dos primeiros móbiles de referencia de 2021.

O novo smartphone chega ao mercado en distintas cores e con distintos acabados

PUBLICIDADE