O Nexus 7 sairá á venda en España en setembro por 199 euros

martes, 3 de xullo do 2012 Marcus Fernández

No Google I/O a compañía de Mountain View anunciou que ía pór á venda un tablet con pantalla de 7 polgadas, fabricado por Asustek, que levaría por nome Nexus 7, e que venderíase nos EE.UU. por 199 dólares no modelo con 8 Gb de capacidade e por 249 con 8 Gb de almacenamento interno; confirmándose que a mediados de xullo estaría tamén dispoñible no Reino Unido a partir de 159 libras esterlinas. Pero agora tamén sabemos que no mes de setembro vai pórse á venda en España por 199 euros no modelo de 8 Gb e 249 euros no de 16 Gb, incluíndo nestes prezos un crédito de 25 euros para gastar en Google Play, co que buscan que os usuarios se inicien na compra de aplicacións, libros e películas.
Estamos ante un tablet moi atractivo, que Google decidiu vender a prezo de custo para conseguir colocar no mercado de xeito masivo un dispositivo destas características que poderían supor un importante pulo para os tablets con Android (de xeito que os desenvolvedores non se centrarían tanto no iPad) e cunha perspectiva internacional que actualmente aínda non ten o Kindle Fire (o primeiro tablet realmente popular con Android, que non está dispoñible dende España, e que tería difícil o seu desembarco coas súas características actuais de contar cun competidor moi superior en prestacións).
No que a características técnicas se refire, o Nexus 7 conta cunha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles (superando en resolución á meirande parte dos tablets deste tamaño que hai no mercado, facilitando a reprodución de contidos en alta definición), funciona cun potente procesador nVIDIA Tegra 3 (que emprega 4 núcleos para operacións intensivas e só 1 núcleo cando busca mellorar a súa autonomía), é o primeiro tablet en chegar ao mercado con Android 4.1, conta con 1 Gb de RAM, Wi-Fi N, Bluetooth, NFC, micro USB, GPS, cámara para videoconferencia de 1,2 Mpíxeles, un peso de 340 gramos e unha autonomía de 8 horas de reprodución de vídeo en alta definición e de 10 horas de navegación web.

PUBLICIDADE