O Oukitel K8000 promete unha autonomía de até 5 días

martes, 10 de outubro do 2017 Marcus Fernández

O fabricante Oukitel sorprendeu en numerosas ocasións coas xenerosas capacidades das baterías dos seus smartphones, e parecen querer que iso sexa a súa imaxe de marca, e así anuncian agora o Oukitel K8000, que segundo din é o primeiro smartphone do mundo cunha batería de 8.000 mAh, de xeito que conseguiría a mellor autonomía do mercado (algo que pode sorprender se temos en conta que o mesmo fabricante xa tiña modelos con 10.000 mAh de batería, o que dá a entender que desta volta someteron ao terminal a unha maior optimización do seu consumo enerxético).
Este novo teléfono promete unha autonomía de até 5 días cunha única carga rápida. Ao parecer boa parte da súa boa autonomía débese ao feito de ter adoptado unha pantalla HD de 5,5 polgadas con tecnoloxía AMOLED de Samsung (cun consumo claramente inferior ao das pantallas IPS que montan outros fabricantes) e a contar con Android 7.0.
O Oukitel K8000 está construído nun corpo integral de aluminio, está equipado con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, o seu procesador é un MediaTek MT6750T de 8 núcleos, conta con dobre cámara traseira de 16 e 2 Mpíxeles e unha cámara frontal de 13 Mpíxeles con grande angular e como detalle para non eternizar a carga da súa inmensa batería, integra carga rápida a 9V/2A.
Polo momento non dan detalles tan importantes como a data de lanzamento e o prezo deste móbil, así como o grosor e o peso que terá, sendo este último un elemento que pode desanimar a moitos a facerse con móbiles con baterías de alta capacidade, xa que é moi probable que o peso estea preto dos 300 gramos, algo pouco confortable no uso diario dun teléfono móbil.

PUBLICIDADE