O Pixel 4a sairá á venda en outubro por 389 euros
luns, 3 de agosto do 2020
Hai algo máis dun ano Google
poñía á venda os seus móbiles Pixel 3a e 3a XL, que chegaban como unha
alternativa económica aos Pixel 3 XL, de xeito que pola metade de prezo e con
certas concesións permitía gozar da experiencia dun smartphone con software
actualizado directamente por Google e cunha das cámaras máis competentes do
mercado, pero este ano a xogada sorprende polo feito de que o Google Pixel 4a chega
nun único tamaño.
Este novo smartphone continúa a estar moi limitado en moitos aspectos para non
chegar a competir con móbiles de gama media, para que o seu prezo de 389 euros
pareza xusto comparado co seu irmán maior (o Pixel 4 chegou ao mercado a 759
euros e o Pixel 4 XL a 899 euros, aínda que actualmente baixaron 100 euros o seu
prezo oficial), aínda que cunhas características que sitúan ao Pixel 4a
totalmente fóra do mercado, xa que nese rango de prezo hai terminais máis
propios da gama alta.
Temos así unha vez máis que o Pixel 4a é un produto claramente dirixido a
usuarios que dan moita importancia a unha experiencia de uso de Android pura
(sen capas de personalización), con actualizacións frecuentes e rápidas, e
cunha cámara que, sen contar con varios sensores, consegue unhas imaxes
incribles. Este móbil con pantalla OLED Full HD+ de 5,81 polgadas, procesador
Qualcomm Snapdragon 730, 6 GB de RAM LPDDR4x, 128 GB de almacenamento interno,
cámara traseira de 12,2 Mpíxeles con tecnoloxía Dual Pixel e gravación de vídeo
en Full HD, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e lector traseiro
de impresións dixitais, ten como principal eiva unah batería de 3.140 mAh con
carga de 18 watts, elemento que sitúa a este terminal bastante lonxe dos seus
competidores, que nos últimos anos conseguiron autonomías magníficas e cargas
moi rápidas.
Pero non só estamos ante un smartphone recomendable para poucos, senón que
tamén temos que non estaría dispoñible en España en reserva a partir do 10 de
setembro, saíndo á venda a través da tenda en liña de Google o 1 de outubro, o
que parece bastante tarde para un smartphone cunhas especificacións tan
modestas que cada mes que pase xogará na súa contra.
Adicionalmente tamén poderá mercarse na tenda de Google unha funda de tea
para o Pixel 4a, que venderase a 45 euros en 3 cores distintas, e que
sorprende por que esta funda que protexe ao smartphone de rabuñaduras pode
incluso lavarse a máquina.
- A funda de tea para o Pixel 4a sorprende por poder lavarse a máquina