O Xiaomi 12 Lite estréase globalmente

luns, 11 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Aínda que Xiaomi está a captar a atención estes días coa súa nova serie de móbiles 12S, non quere deixar de lado liñas máis económicas, e así presenta o lanzamento internacional do Xiaomi 12 Lite, un teléfono cun grosor de 7,29 milímetros e un peso de 173 gramos, que busca conseguir un agarre confortable, e que o seu apelido lite indicaría tanto que non é un móbil de alta gama como a súa lixeireza.
O Xiaomi 12 Lite confórmase cun procesador Qualcomm Snapdragon 778G, 6/8 GB de RAM LPDDR4X e 128/256 GB de almacenamento UFS 2.2, ou sexa, que sería claramente un móbil de gama media, aínda que na súa cámara traseira tripla poida presumir dun sensor principal de 108 Mpíxeles, mentres que a cámara frontal ten 32 Mpíxeles, polo que estamos ante un dispositivo que convencerá a moitos polo seu apartado fotográfico.
Este móbil con Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2 e NFC tamén pode presumir dunha pantalla AMOLED Full HD+ de 6,55 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e dunha batería de 4.300 mAh con carga rápida de 67 watts (polo que podería completar unha carga en só 41 minutos).
Os prezos internacionais deste smartphone estarían entre os 399 e os 499 dólares (396 e 495 euros respectivamente) en función da RAM e o almacenamento, quedando pendentes de coñecer o seu prezo en España, que probablemente sexan máis axustados, xa que actualmente xa é posible atopar de importanción o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento a 419 euros).

PUBLICIDADE