O alcalde do Son, a edil de Cultura e o patrón maior de Portosín recolleron voces en galego para o Proxecto Nós
mércores, 27 de decembro do 2023

- O rexedor de Porto do Son, Luis Oujo
O
Proxecto Nós,
destinado a consolidar e dinamizar o galego no ámbito das
tecnoloxías intelixentes de vangarda (impulsado pola Universidade
de Santiago e a Consellería de Cultura a través da Secretaría
Xeral de Política Lingüística), comezou esta semana unha nova e
interesante andaina. Fíxoo en Porto do Son, onde foi activada unha
liña de traballo para recoller diferentes xeitos de falar da nosa
terra. No arrinque da iniciativa, unha campaña
de doazón de voz para crear unha gran base de datos dixital que
salvagarde o tesouro galego das diversidades dialectais e fonéticas,
participaron o alcalde de Porto do Son, a concelleira de Cultura do
Son, Alicia Martínez, e o patrón maior da Confraría de Pescadores
San Andrés de Portosín, Isaac Gaciño, que realizaron cadansúa
doazón de voz á campaña.
A
cita desenvolveuse na Aula CeMIT de Porto do Son en horario de mañá
e tarde. Achegáronse 15 minutos de tempo pautado para que a
cidadanía que quixese contribuír puidese pór o seu gran de area no
impulso do Proxecto Nós e un dos seus grandes cometidos: axudar ao
desenvolvemento de ferramentas de Intelixencia Artificial que nos
permitan relacionarnos en lingua galega con calquera dispositivo
electrónico. Todas as persoas participantes foron agasalladas cun
libro.
A
campaña AgasallaNós
O
obxectivo da nova campaña (chamada AgasallaNós) é acadar as máis
de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como
Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas.
A iniciativa foi debullada polo reitor da Universidade de Santiago de
Compostela, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Educación,
FP e Universidades, Román Rodríguez, na súa visita a Porto do Son,
na que se reuniron co alcalde Luis Oujo.
A finalidade desta campaña é “crear un rexistro o
máis variado posible”, e para iso é preciso contar cunha gran
cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais.
Co
fin de ir achandando o camiño desta nova vertente do proxecto, este
martes recolléronse mostras vocais de xeito presencial na proba
piloto habilitada na Aula CeMIT de Porto do Son.
Ademais,
o reitor e o conselleiro lembraron que as contribucións poden
facerse tamén de xeito telemático vía web
, na que está integrada a ferramenta Common Voice, a
aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces
para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas. A meta da
campaña é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas
para garantir que o software recoñecedor de voz funcione sen
problemas.
Segundo
lembraron o Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da
Intelixencia Artificial está a xerar os recursos necesarios para
colocar o galego “na vangarda das tecnoloxías intelixentes,
nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas tecnoloxías
lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da
Intelixencia Artificial”. Dentro do proxecto compílanse recursos e
desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento
automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse
demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as
posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de
alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.
Os
recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiras
persoas, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos
e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas,
institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que
así o desexen. O proxecto encádrase dentro das estratexias galega,
española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías,
ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos
ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da
Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do
ILG e o CiTIUS.
