O casco de realidade virtual de Samsung para PC renóvase

luns, 22 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Hai un ano chegaron ao mercado os primeiros cascos de realidade virtual para a plataforma de Microsoft (Windows Mixed Reality), entre os que destacaban pola súa calidade o Samsung HMD Odyssey, pero que tiveron unha distribución moi limitada (non chegaron a venderse en Europa) e agora o fabricante surcoreano anuncia a súa renovación, o Samsung HMD Odyssey+, que destaca por incluír unha innovación en pantalla que chaman Anti-SDE e que faría desaparecer o efecto de retícula, ou sexa, que conseguiría unha maior inmersión facendo que non se distinguisen os píxeles das súas pantallas como acontece con outros visores de VR.
O Samsung HMD Odyssey+ está equipado cun par de pantallas AMOLED de 3,5 polgadas que achegan unha imaxe de 1.440 x 1600 píxeles a cada ollo, ofrecendo un campo de visión de 110 graos e integrando sensores de posición que cobren un área de 170 graos, facilitando 6 graos de liberdade de movemento. Inclúe un par de controis para as mans e integra auriculares AKG, conseguindo así que a inmersión en mundos virtuais acade grande realismo, á vez que tamén inclúe distintos axustes para adaptarse a distintos tamaños de cabeza e distancias entre as pupilas dos ollos, e incluso emprega materiais para evitar que se tolden as lentes do visor por mor do bafo.
Un produto que claramente lidera a súa gama, que vén de pórse á venda nos EE.UU., pero que polo momento non sabemos se chegaremos a ver oficialmente en Europa.

PUBLICIDADE