O fenómeno influencer abriu os tres días de relatorios virtuais da Érték Conference
mércores, 18 de novembro do 2020
Este
martes
17 inaugurouse, na compaña de tres influencers nas redes
sociais, a segunda edición da Érték Conference, evento
promovido por un grupo de estudantes do grao en Publicidade e
Relacións Públicas e que, dada a situación sanitaria, desenvólvese
este ano de xeito virtual, tentando achegar ao alumnado da Facultade
de Ciencias Sociais e da Comunicación ás experiencias dunha serie
de profesionais da mercadotecnia e da publicidade.
Retransmitida
a través da plataforma Twitch, a conferencia, que conta co
patrocinio da facultade e de diferentes empresas, reúne no seu
programa 15 conferencias e a mesa de influencers coa que botou
a andar na mañá deste martes 17.
Moderado
polo estudante Lucas Peteiro, o dito coloquio reuniu a Manel Rozas,
Force, que suma máis dun millón de subscritores na súa
canle de Yotube; Irene Rodríguez, Ireniusx, con máis de
700.000 seguidores en TikTok; e a xornalista de moda e tendencias
Patricia Goméz, que acumula 17.000 seguidores no seu perfil de
Instagram.
Esta
mesa viuse precedida por un vídeo de presentación, no que alumna
Sara Piñeiro deu conta dos contidos e novidades desta Értek
Conference. O evento acolleu na tarde do martes unha conferencia de
Miguel Conde, responsable da axencia Quattro IDCP; seguida dun
“primeiro encontro co mundo da moda”, da man de Cristina Rey e
Patricia Ferreira, de Mekkdes, pechando a xornada un relatorio sobre
neuromercadotecnia e emocións na publicidade, a cargo
de Juan Graña, director executivo (CEO) de Neurologyca.
Este
mércores, Jaime Conde, de Quattro ICDP, afondará en “como crear
unha axencia de publicidade”, mentres que a responsable de
comunicación de Coca-Cola en Galicia, María Troncoso, “falará de
sustentabilidade”, completando a mañá un relatorio do community
manager do RC Celta, sobre “adaptación ao cambio” nestes de
COVID.
Pola
tarde, Itziar Oltra, de Airhopping, abordará “como crear unha
comunidade en redes sociais”, mentres que Carmela Serantes,
fundadora de The Good Shop, falará de emprendemento e o responsable
de produción do Resurrection Fest, Ángel Piñeiro, farao na
organización de festivais.
Por
último, a Érték Conference acollerá o xoves un coloquio con
Alfonso Molinelli e Óscar Parada, da axencia Tony Le Brand, sobre a
importancia de “romper cos tópicos”; un relatorio do responsable
de mercadotecnia de Krack, Sebastián Troyas, e unha conferencia
sobre organización de eventos de Jordi Lauren e Andrés Lamosa, de
PlayPlan. Pola tarde, o evento completarase cunha conferencia sobre
“mercadotecnia e comunicación turística en tempos de COVID-19”,
a cargo de Sergio Couto, de Edition; cun coloquio de Fernando Rábade
e David Serantes, de Mondo Fashion Show, sobre a “descentralización
da moda en España”; e cunha segunda abordaxe á organización de
festivais, de man de Carlos Domínguez, fundador de O Marisquiño.
