O novo catálogo interactivo Films from Galicia xunta 58 títulos do noso audiovisual

xoves, 17 de marzo do 2022 S. P.

Este mércores 17 presentouse en Santiago o novo catálogo interactivo Films from Galicia 2022, editado pola Consellería de Cultura e Educación para “contribuír á promoción internacional da máis recente produción galega para cinema e televisión, así como para poñer en valor a súa calidade artística e técnica”. O catálogo, dispoñible en liña en formato PDF, foi dado a coñecer polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da axencia AGADIC, Jacobo Sutil.
Segundo fixeron saber, recolle 58 títulos que “ofrecen unha completa panorámica da actualidade do noso sector audiovisual, deixando testemuño da variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir a nosa Comunidade como escenario de rodaxe”.
A publicación mantén a súa “estrutura habitual” en catro grandes bloques: Pics para longametraxes de ficción, con 22 producións e proxectos; Docs para documentais, con 19; Toons para a sección de animación, con 6, e TV para series, miniseries e películas para televisión, con 11 títulos. Dos 58 traballos recompilados, a partir dunha convocatoria dirixida a todas a produtoras galegas, 35 están xa rematados, mentres que os 23 restantes atópanse aínda en proceso. Amais, Shorts from Galicia tamén renovou contidos en 2022 coa edición física e dixital dunha escolma de sete curtas xa en distribución e dous work in progress.