O novo dron de Parrot aposta pola visión en primeira persoa

luns, 2 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O verán pasado Parrot puxo á venda o seu dron Anafi, buscando chamar a atención pola calidade da súa cámara e o seu formato encartable, e agora volven á carga cunha revisión orientada ao seu uso coas Cockpitglasses 3, casco que facilita a visión en primeira persoa en Full HD.
O Parrot Anafi FPV está xa á venda por 799 euros nun lote que inclúe o dron, o mando Skycontroller 3, o casco Cockpitglasses 3, batería, mochila, hélices de reposto e unha tarxetas microSD de 16 GB, de xeito que inclúe dabondo para lanzarse a utilizar este dron para captar imaxes ou paga gozar del nun modo deportivo no que a vista en primeira persoa gaña máis peso.
O Anafi FPV pesa 315 gramos, ten autonomía para voar até 26 minutos, pode controlarse até a 4 quilómetros de distancia (lembremos que a distancia legal máxima en España é de 2 quilómetros), consegue velocidades en horizontal de até 55 quilómetros/hora, soporta ventos de até 50 quilómetros/hora, pode manexarse até a 4.500 metros sobre o nivel do mar, o seu sensor CMOS pode tomar fotografías de 21 Mpíxeles, grava vídeo 4K con HDR e conta con numerosos axustes para poder conseguir tomas de calidade que se axusten ás nosas necesidades.
Se a visión en primeira persoa non é unha das nosas prioridades, Parrot mantén en catálogo o modelo de dron anterior a un prezo 100 euros inferior, aínda que actualmente o fabricante oriéntase máis a versións profesionais destes produtos, como o dron Anafi Thermal ou o Parrot Bluegrass Fields, xa que en dispositivos orientados ao mercado de consumo resulta imposible competir con fabricantes como DJI.

Vídeo promocional do Parrot Anafi FPV

PUBLICIDADE