O novo móbil encartable de Huawei segue os pasos de Samsung
luns, 22 de febreiro do 2021
Dende
Huawei quixeron facer fronte aos smartphones con pantalla encartable de Samsung
dun xeito demasiado ousado, e así tivemos no mercado de xeito testemuñal
dispositivos como o Huawei Mate
Xs, que non só atrevíase a ter un prezo de venda bastante superior ao do seu
competidor directo, senón que adoptaba certas decisións de deseño que a simple
vista parecían un desacerto, como que a pantalla principal quedase exposta na
parte exterior do smartphone ao encartalo, o que supón un grande risco para a
súa integridade.
O fabricante chinés parece ter tomado boa nota dos erros do pasado, e agora que
lanza o Huawei Mate X2
opta por deixar atrás a súa proposta de deseño e directamente copia ao Samsung
Galaxy Z Fold2, pero mantendo un prezo moi esaxerado, xa que en China
véndese a 17.999 iuans (2.288 euros) cando o móbil de Samsung custa oficialmente
1.699 euros e resulta doado atopalo de oferta a menos de 1.300 euros, facendo
que o novo produto de Huawei teña moi complicado atopar un oco no mercado. Aínda
que cómpre lembrar que non só o prezo xoga en contra do novo encartable de
Huawei, senón tamén o feito de que carece dos servizos de Google preinstalados,
o que supón un serio problema para os consumidores de fóra de China.
A nivel de hardware temos un smartphone que presenta unha pantalla OLED de 8
polgadas cando está aberto, e unha pantalla OLED de 6,45 polgadas cando está
pechado (ambas cun refresco de 90 Hz), co detalle significativo de que só a
pantalla de menor tamaño contaría cunha perforación para albergar cámara
frontal (ou sexa, que repetiría o erro de carecer de cámara frontal na pantalla
principal, de xeito que non podería aproveitarse a grande pantalla para
videoconferencias); funciona cun procesador Kirin 9000 5G, 8 GB de RAM, 256/512
GB de almacenamenot interno; presume de grandes cámaras traseiras (con sensor
principal de 50 Mpíxeles, zoom óptico de 3x nun sensor de 12 Mpíxeles, zoom
óptico de 10x nun sensor de 8 Mpíxeles e ultra grande angular de 16 Mpíxeles); conta
con Wi-Fi 6, BLuetooth 5.2 e NFC; e a súa batería de 4.500 mAh pode cargarse a
55 watts.
Un terminal de alta gama, pero cunha configuración un tanto deficiente para un
prezo tan elevado, sendo especialmente rechamante o feito de que coidase tanto
as súas cámaras traseiras mentres que o elemento das cámaras frontais quedase
tan descompensado (xa que non poder aproveitar a pantalla de 8 polgadas para
videoxonferencias é unha eiva moi importante).