O plan de fibra óptica de Mos xa achegou cobertura aos cen primeiros domicilios

martes, 20 de xullo do 2021 Sandra Rivadulla

O Concello de Mos informou dos novos avances dados no termo municipal en materia de implantación de fibra óptica avanzada, avances que implican, en palabras do Goberno local, “o desbloqueo da problemática na implantación do Internet de banda longa por parte da operadora R no municipio”. Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, quen se achegaron ata algunha das vivendas recentemente conectadas para consultar cos/as beneficiarios/as a satisfacción ante o servizo.
A conexión destes domicilios é froito dos traballos desenvolvidos en maio e xuño por parte de R, que deron coberura ás 100 primeiras vivendas do programa de extensión da banda larga de nova xeración en Mos. A estas cen residencias iranse engadindo outras ao longo dos meses vindeiros, até completar un programa que inclúe 2.200 vivendas e 6.000 habitantes.
Estes primeiros 100 domicilios dotados de servizo de conexión á Internet de banda larga distribúense por diferentes zonas dalgúns dos barrios das parroquias de Cela, Pereiras e Tameiga. En Cela realizouse instalación en zonas dos barrios de Atín e Arufe, en Pereiras nalgunhas zonas dos barrios de Roublín, Casal, Casalmorto e Campo de Eiró. E na parroquia de Tameiga en Puxeiros, ao inicio da Estrada Generoso Domínguez.
A finais de verán quedará acometida outra gran parte da instalación que permitirá conectarse a máis de 500 vivendas. Mes a mes iranse producindo ampliacións de rede e instalación de novos tramos de fibra.
Rexedora local e concelleiro informaron de que Telefónica está a traballando paralelamente. Agora mesmo, sinalaron, esta operadora atópase traballando en Louriñó, parroquia de Torroso, realizando labores de preparación da liña para logo instalala. Nidia Arévalo e Leo Costas remataron animando á poboación a que se conecte se así o desexa á fibra óptica e que, se queren máis información ou teñen dúbidas ao respecto, se acheguen ata o Concello onde se lles atenderá aportándolles todos os detalles que precisen.

PUBLICIDADE