O presidente da Xunta destaca o potencial internacionalizador do sector TIC galego
martes, 12 de maio do 2015
Durante unha visita
esta tarde ás novas oficinas de Redegal, o presidente da Xunta, Alberto
Núñez Feijoo, destacou as capacidades do sector tecnolóxico galego e a súa
apertura ao exterior (a metade da súa facturación provén de fóra de Galicia) e
engadiu que as compañías do sector TIC son unha mostra das empresas que
configuran o modelo económico galego; “empresas que se caracterizan pola súa
elevada cualificación, capacidade de exportación e capacidade para mellorar a
súa propia produtividade e do resto das empresas do país”.
Feijoo subliñou que este sector, co seu elevado valor
engadido axuda aos sectores primario e secundario a modernizarse e facerse máis
áxiles e eficientes; e perfecciona o xeito no que o sector servizos se
relaciona cos seus usuarios, facendo a interacción entre empresas e clientes
máis proveitosa para ambos os dous, “porque as tecnoloxías diminúen os custes e
incrementan a eficacia e a eficiencia das empresas”.
Durante a súa intervención o presidente da Xunta puxo en
valor a apertura e internacionalización das empresas galegas e fixo fincapé na
importancia do compromiso coas empresas TIC, reflectido na Axenda Dixital 2020,
destinada a completar a incorporación de Galicia ás novas tecnoloxías en todos
os eidos. Unha iniciativa que permitirá, en definitiva, abordar todas as
frontes necesarias para que Galicia conte completamente cunha administración
dixital; para que os servizos públicos dispoñan tamén das últimas tecnoloxías;
para que a recuperación se apoie tamén nas TIC; para que o sector siga
consolidándose como estratéxico en Galicia e para que todos os galegos podan
acceder á rede, vivan onde vivan.
Nesta mesma liña, lembrou que o 20,6% das empresas galegas
de dez ou máis traballadores venderon a través da Internet, unha cifra que se
sitúa por riba da media estatal.
