O segundo vídeo de O Mundial fala galego supera as 3.000 reproducións

martes, 8 de xullo do 2014 Redacción

Segue adiante, mentres haxa Mundial de Fútbol en Brasil e de certo coa vista posta noutras competicións e eventos internacionais, a campaña O Mundial fala galego, da que falamos en Código Cero salientando o seu obxectivo de lembrarnos que hai un xeito ben galego de celebrar esta competición e que non é outro que escoitar de primeira man o que nos contan, sen traducións, os seareiros, comunicadores e deportistas do ámbito da lusofonía. Dito doutro xeito: do que se trata é de aproveitar o privilexio de que este Mundial se celebre en Brasil, un país no que por enriba de todas as cousas, tamén se fala galego. Pois ben, a campaña puxo en xogo (nunca mellor dito) hai uns días un segundo vídeo que está a ser un éxito na Rede, xa que foi quen de ir alén das 3.000 reproducións.
A peza, de case dous minutos de duración, conta coa participación de coñecidas facianas do eido da cultura galega, como Os da Ría, Lois Lopes, Vicente de Souza, Carlos Meixide, Zé Paredes, Marcus Salgado, Federico Pérez, Miluco Cao, Carlos Quiroga, Comba Campoi, o presidente da AGAL (entidade responsable da campaña), Miguel R. Penas e Federico Pérez, entre outros. A montaxe correu a cargo de Xacio Baño.
Lembrar que a campaña incluíu un primeiro vídeo de lanzamento no que se expuxeron en detalle os motivos para celebrar a competición ao xeito de AGAL.
A campaña, en palabras dos integrantes da plataforma, sustentouse sobre a necesidade de promover a nosa lingua e facelo internacionalmente, unha lingua que, para quen non o saiba, abre importantes portas e oportunidades alén das nosas fronteiras, “se sabemos e queremos aproveitá-las coletivamente”, sinalan. O feito de que Brasil fale galego, e máis polo miúdo de que o Mundial tamén o faga, constitúe claramente unha destas “oportunidades”.