Orange trae a España a e-SIM co Gear S2 Classic

mércores, 30 de novembro do 2016 Marcus Fernández

En outubro do ano pasado púxose á venda en España o smartwatch Gear S2 de Samsung nas súas versións dependentes do smartphone, de xeito que o seu modelo con conectividade móbil quedaba fóra do noso territorio ante a ausencia de compañías que ofrecesen o servizo de e-SIM con capacidades de voz como si acontecía en Corea do Sur, pero agora que o Gear S3 xa é unha realidade Orange sorprende anunciando que pon á venda o Gear S2 Classic 3G, xa que por fin contan na súa rede con soporte para e-SIM, destacándose especialmente o seu axustado prezo: 150 euros. Lembremos que o modelo estándar saíu á venda por 379 euros.
O Gear S2 Classic é un smartwatch cunha aparencia que pode facelo pasar por un reloxo de pulso tradicional, que funciona con Tizen e integra procesador Exynos 3250, 512 MB de RAM, pantalla circular sAMOLED de 1,2 polgadas e 360 x 360 píxeles, resistencia á auga IP68, Bluetooth 4.1, Wi-Fi, NFC (de xeito que tamén facilitará a realización de pagamentos co móbil) e unha batería de 250 mAh (que permitiríalle funcionar 2-3 días e que pode recargarse mediante unha cómoda base magnética incluída co reloxo).
No caso do modelo 3G temos o detalle de poder empregar o reloxo con independencia do smartphone, o que permite recibir e emitir chamadas a través do mans libres integrado ou de Bluetooth, intercambiar mensaxes de WhatsApp (aplicación que segue a funcionar dende o smartphone), recibir notificacións e alertas de distintas aplicacións, rexistrar actividades deportivos (seguimento GPS e monitorización do pulso) e escoitar música (incluso de servizos de streaming), dándolle un valor engadido moi importante con respecto ao modelo tradicional, sendo preciso para gozar de todo isto dunha liña móbil principal con Orange (con voz e datos) á que poder asociar unha MultiSIM que neste caso sería virtual. Como limitación está o feito de que as MultiSIM de Orange non permite o envío de mensaxes de texto.
O uso de tarxetas e-SIM é unha innovación que procura principalmente reducir o espazo que unha tarxeta SIM ocupa nun dispositivo móbil, e aínda que polo momento está só presente en trebellos como smartwatches e tabletas, nos vindeiros meses poderemos velas en smartphones, o que supón un importante cambio á hora de contratar e xestionar liñas móbiles.

PUBLICIDADE