Os Almorzos TIC Talk do CITIC puxeron o foco nas tecnoloxías lingüísticas e na IA en antropoloxía forense

xoves, 30 de xuño do 2022 S. P.

Este martes 28 de xuño celebrouse a cuarta sesión dos Almorzos TIC Talk, ciclo de xuntanzas do CITIC que ten o obxectivo de compartir a investigación realizada no centro da UDC e co engadido extra de facelo “nun ambiente informal”. Os investigadores Elmurod Kuriyozov e Óscar Ibáñez, integrados recentemente no CITIC, explicaron as súas liñas de investigación ao persoal do centro que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira investigadora, introducidos por David Vilares, membro da comisión de formación.
En primeiro lugar, Elmurod Kuriyozov presentou as liñas do proxecto Creating NLP resources for low-resource Turkic languages, explicando algunhas das aplicacións de Procesamento de Linguaxe Natural (PLN) creadas para a cobertura das linguas turcas, unha familia de máis de 70 idiomas falados por máis de 200 millóns de persoas no mundo, entre os que se atopan o turco, o uzbeco e o azerí. Con todo, a maior parte delas son linguas de baixos recursos, polo que o seu interese se centra principalmente nelas e, en concreto, no uzbeco, a súa lingua materna.
Pola súa banda, Óscar Ibáñez realizou unha exposición sobre Intelixencia artificial en antropoloxía forense, facendo unha aproximación sobre os proxectos nos que traballou no ámbito da aprendizaxe automática, a visión artificial e a intelixencia computacional. A súa traxectoria, lembrou, guiouse polo obxectivo de resolver problemas con impacto social, e actualmente traballa na identificación humana baseada na Intelixencia Artificial. Desta forma, explicou algúns casos de uso na identificación de cadáveres en fosas comúns, migrantes e casos complexos, así como na antropoloxía forense aplicada a persoas vivas para a estimación da idade e a identificación facial.

PUBLICIDADE