Os Reis Magos apostan en Sada por unha visita interactiva

xoves, 31 de decembro do 2020 S. P.

Estes días os nosos concellos son un fervedoiro de creatividade tecnolóxica para suplir e compensar as limitacións á presencialidade en materia de actividades de Nadal. Por exemplo o caso de Sada, onde os Reis Magos confirmaron que participarán nunha actividade interactiva que axude á rapazada a esquecer o esquema habitual da súa visita ao concello. Trátase dunha proposta familiar que se compón de tres rutas: a de Melchor, a de Gaspar e a de Baltasar, onde se irán sucedendo pistas a través de códigos QR, para poder contestar as preguntas que dan acceso aos agasallos que entregarán os paxes dos Reis Magos, á vez que os/as nenos/as lles entregan as cartas.
A través dos centros educativos fíxose chegar aos nenos e nenas un cartón coas instrucións para a visita interactiva das Súas Maxestades, que se vai desenvolver o día 5, a tarde-noite de Reis de catro a oito.
“Estes Reis interactivos”, explicou o Concello, “son como unha xincana polo centro urbano, cuxos percorridos (tres) veñen sinalizados no cartón que entrega ás nenas e nenos”. Nas rutas hai varios puntos con códigos QR e pistas que terán que resolver co emprego dos móbiles ou tabletas. Unha vez contestadas as preguntas, os nenos poden acudir xunto aos paxes reais, que premiarán as respostas con lambonadas.