Os desafíos da ciberseguridade no tecido produtivo, ao detalle no Club Financeiro Atlántico
mércores, 8 de novembro do 2017
A Escola de Finanzas e a Academia Galega de
Seguridade Pública (AGASP) organizan esta semana un encontro
profesional dirixido a atallar e frear as ameazas intelixentes que
proliferan nas contornas dixitais con recursos análogos:
metodoloxías avanzadas e intelixentes. A
xornada Intelixencia & Ciberseguridade. Retos ante un mundo
global desenvolverase no Club Financeiro Atlántico, na Coruña,
o vindeiro venres día 10 a partir das 9:30 horas. O seminario, que
será inaugurado por Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, responde
ao reto a prol da protección dixital da Escola de Finanzas,
responsable da posta en marcha de recurso como a Unidade Académica
de Intelixencia e Ciberseguridade, que responde ás demandas do
tecido empresarial galego e que ten o obxectivo de “achegar
formación a todo o capital humano das empresas así como aos
candidatos que se incorporen a elas”.
A respecto dos porqués da organización da
xornada, a Escola de Finanzas salienta que “as ameazas intelixentes
comezan a acaparar protagonismo e a asentarse como unha preocupación
e un reto para os CISO na defensa das contornas dixitais e os
sistemas da información”. Desta maneira, grazas á crecente
converxencia entre a seguridade física e a informática, o
compromiso corporativo coa seguridade integral aumentou. Dese
compromiso e da necesidade de darlle resposta abrollan actividades
como a xornada do día 10. Nela participarán representantes do noso
tecido tecnolóxico-dixital, como por exemplo o presidente do CPEIG,
Fernando Suárez, que intervirá na mesa redonda O desafío da
ciberseguridade, xunto con outros relatores como Roberto Baratta,
director de Loss Prevention de ABANCA, e Antonio Bueno Iglesias, xefe
do Servizo de Infraestruturas e Arquitectura Tecnolóxicas do SERGAS.
Moderará Rafael Ave, director da Área de Transformación Dixital e
Ciberseguridade de Emetel.
