Os estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación amosarán o seu talento na Rede

martes, 26 de maio do 2015 Redacción

Como facer ver no noso currículo todas as habilidades, experiencia e competencias que fomos adquirindo ao longo da nosa estadía formativa? Amosar esta bagaxe é sempre unha tarefa complexa, e máis aínda en titulacións onde a marxe da creatividade de cada quen é tan ampla como difícil de cuantificar e traducir en palabras. É o caso das Ciencias Sociais e da Comunicación. Co obxectivo de facer ver o talento dos estudantes ás empresas, a facultade (Campus de Pontevedra) vén de habilitar A Canteira da FCSC, unha web na que tanto o alumnado como os licenciados poderán presentar os seus traballos. Segundo informa a dirección do centro, estamos ante un proxecto pioneiro que non ten equivalentes en ningunha universidade estatal.

O vicedecano Jesús Pérez incide en que o obxectivo desta iniciativa é fomentar a empregabilidade de alumnado e egresados

Así o conta o vicedecano Jesús Pérez, que lembra que a web foi desenvolvida Consello Social da Universidade cun obxectivo principal, “fomentar a empregabilidade dos nosos alumnos e titulados”.
Ou sexa, que o que se busca é “que sirva como unha especie de repositorio no que, dado que temos unhas titulacións cunha alta compoñente visual, os estudantes poidan ensinar toda esa serie de cousas que non sempre figuran no currículo”. A idea é que sexan os estudantes os que enchan de contido o portal que a facultade vén de poñer en marcha. Segundo engade o vicedecano, polo de agora a páxina está en probas e pendente das achegas do alumnado.
Amais de ser unha palestra para os estudantes e titulados, trátase tamén dunha plataforma orientada ao mundo empresarial. A través dela, “os empresarios poderán coñecer o traballo de gran calidade que fan os estudantes”. De feito, unha vez que a Canteira de FCSC estea cargada de contidos, o seguinte paso será intentar promocionala entre o empresariado, buscando que as empresas teñan este espazo como “primeira opción” á hora de contratar alguén en ámbitos como a publicidade ou o audiovisual.