Os museos científicos coruñeses lembrarán este sábado que a ciencia e a informática tamén é cousa de mulleres
mércores, 8 de febreiro do 2017
Fai falta visualizar os esforzos das nosa mulleres
nos ámbitos da ciencia e as novas tecnoloxías, non só polas que xa
abriron camiños nestes eidos, aínda que tamén, senón tamén polas
que están por vir. Baixo esta premisa celébrase este 11 de
febreiro, no ámbito internacional, o Día
da Muller e a Nena na Ciencia, impulsado polas Nacións Unidas.
Para festexalo e para lembrarlle ao mundo que elas tamén fixeron,
fan e farán coñecemento innovador (malia ter tido, e ter, moitas
máis cousas na súa contra) os museos científicos coruñeses
acollen este sábado múltiples actividades. As citas son pola mañá
no Centro Universitario de Riazor e, pola tarde, na Domus.
Haberá charlas divulgativas de balde ata completar aforo.
A sesión da Domus comezará ás 16.30 horas, con
Nenas e aspiracións científicas no cinema e a
tele, un relatorio de Joana Magalhães,
doutora en Bioquímica e Bioloxía molecular e investigadora no Grupo
de Investigación en Reumatoloxía CICA-INIBIC e CIBER-BBN. Ás 17.00
horas Javier Pedreira Wicho, responsable informático dos
Museos Científicos Coruñeses e co-fundador de Microsiervos.com,
ofrecerá a charla A informática tamén é cousa de mulleres.
Seguirá, ás 17.00 horas, A ciencia da arte,
en feminino, a cargo de Deborah García Bello, química,
divulgadora científica e autora de Dimetilsulfuro.es.
Esta mesma divulgadora será a encargada de presentar a mesa redonda
que se desenvolverá entre as 18.00 e as 19.00 horas, baixo o
epígrafe Mulleres na ciencia, que contará coa
participación de Joana Magalhães,
doutora en Química, Mª Teresa Rodríguez Blas, catedrática e
investigadora no Grupo de investigación Metais en Medio Ambiente e
Medicina, UDC; a escritora Estíbaliz Espinosa Río, quen achega un
especial enfoque na simbiose entre Ciencia e Humanidades e Ana Jesús
López Díaz, do Grupo de investigación Laboratorio de Aplicacións
Industriais do Láser, da UDC.
Antes, na sesión da mañá, no Centro
Universitario de Riazor, investigadoras da UDC falarán desde as
11.00 horas sobre a vida e os logros científicos de mulleres que
foron pioneiras en diferentes eidos da ciencia, como a matemática
María Wonenburguer, a enfermeira Florence Nightingale, a química e
cristalógrafa Rosalind Franklin, a arquitecta Lina Bo Bardi, a
bioquímica Esther M. Zimmer, ou a matemática Augusta Ada King-Noel.
