Os usuarios de Moovit terán información directa sobre os aparcadoiros disuasorios da Coruña
xoves, 26 de xaneiro do 2017
A
ferramenta Moovit,
dirixida a fornecer máis eficiencia nas viaxes en transporte
público, vai seguir adiante co seu proceso de achegar novos servizos
ás cidades galegas. Se
o ano pasado dimos conta da chegada da aplicación a Vigo, Pontevedra
e Ferrol, e previamente xa foramos informados da súa arribada á
Coruña, esta semana o equipo responsable da ferramenta-comunidade
móbil (unha comunidade mundial de máis de 55 millóns de usuarios)
informou dunha nova funcionalidade para consultarmos máis de 120
aparcadoiros disuasorios, catro deles da Coruña.
Este
novo servizo, lanzado a través dunha alianza con Parclick (nova
firma española adicada á reserva en liña de prazas de aparcadoiro
para vehículos de todo tipo), permitirá aos usuarios de Moovit (3
millóns no ámbito estatal) ter en conta os estacionamentos de borde
para planificar os seus traxectos en áreas urbanas e metropolitanas.
O obxectivo, sinala a compañía, “é potenciar o transporte
multimodal e a mellora da calidade do ar diminuíndo a entrada de
vehículos privados ao centro da cidade”.
Entre
os aparcamentos coruñeses incluídos na nova funcionalidade atópase
o da Palloza ou o da Praza de Pontevedra.
O
obxectivo, como dixemos, é potenciar o uso destes estacionamentos
emprazados nas áreas lindeiras co centro das cidades. “Grazas á
promoción destes aparcadoiros situados a carón de estacións ou
paradas de transporte público”, explican dende Moovit,
“perséguese a mellora da calidade do ar e saúde pública, a
mobilidade urbana e o fomento do transporte público”. Segundo
palabras de Roy Bick, fundador e vicepresidente de operacións de
Moovit, “esta alianza é máis necesaria que nunca xa que cada vez
son máis frecuentes as restricións impostas ao tráfico de
vehículos particulares debido a factores como: a alta contaminación,
a seguridade cidadá ou como medida para favorecer a dinamización do
comercio e a mobilidade en determinadas zonas ou durante determinados
eventos”.
Con
esta actualización, Moovit amosará máis de 120 aparcadoiros de
Parclick dispoñibles na xeografía española distribuídos da
seguinte maneira:
-
Comunidade de Madrid: 17
- Barcelona: 16
- Valencia: 17
- Zaragoza: 6
- Sevilla: 20
- Granada: 11
- Córdoba: 3
- Bilbao: 7
- Málaga: 3
- A Coruña: 4
- Alacante: 8
- Murcia: 4
- Salamanca: 2
- Cádiz (Baía de
Cádiz): 7
