Piden até 6 anos de cadea para o creador de Rojadirecta

martes, 25 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

O contencioso entre LaLiga, Mediapro e o creador da páxina web galega Rojadirecta chega á Audiencia Provincial da Coruña, despois de que o Xulgado de Instrución nº 1 da Coruña dese por concluída a instrución e ordenase a apertura de xuízo oral contra o administrador de Rojadirecta, a súa sociedade Puerto 80 Projects e outros 5 acusados polos beneficios obtidos pola actividade da web que facilitaba ligazóns para acceder a retransmisións deportivas a través da Internet.
A fiscalía solicita 4 anos de cadea para o creador de Rojadirecta, Igor Seoane, e penas de entre 2 anos e 3 meses para os seus colaboradores, así como o cesamento da actividade de Rojadirecta, mentres que LaLiga e Mediapro solicitan unha pena de 6 anos de cadea para Seoane e unha multa de seis millóns de euros.
A maxistrada encargada da instrución estableceu unha fianza de 4 millóns de euros para Seoane e Puerto 80 Projects para facer fronte a posibles responsabilidades derivadas da súa actividade ilícita.
O proceso xudicial comezou en 2015, cando DTS denunciou a Igor Seoane e a súa empresa, con LaLiga e Mediapro como prexudicados, o que levou a que en 2016 se detivese a Seoane e bloqueasen as súas contas mentres finalizaban as dilixencias.

PUBLICIDADE