Pintos&Salgado analiza o Anteproxecto de Lei Orgánica para a protección de menores en contornas dixitais
venres, 21 de xuño do 2024
Ao abeiro do novo Anteproxecto de Lei Orgánica para a protección das persoas menores de idade en contornas dixitais que o Consello de Ministros aprobou este mes de xuño xorden cuestións como a regulación do uso de smartphones en centros educativos e que deberá someterse agora a trámite parlamentario no Congreso dos Deputados, aspecto do que xa falamos en Código Cero, pois o dito Anteproxecto de Lei convértese nunha iniciativa que vén complementar o traballo dalgunhas Comunidades Autónomas como Galicia.
Dende o despacho de avogados da Coruña especializado en Dereito Dixital, Pintos&Salgado, someten a análise este tema e segundo o seu socio-director, Víctor Salgado, “estamos ante unha norma moi complexa cun obxectivo claro: acometer dunha maneira integral calquera tipo de risco que non estea ben cuberto polo resto de normativa en materia dixital e que afecte directamente aos menores”, e tamén advirte: “Aínda que detectamos que moitos aspectos deste Anteproxecto xa están cubertos polo actual ordenamento xurídico. Podemos correr o risco de estar sobrelexislando, é dicir, achegando solucións supostamente novas sobre solucións xa edificadas e contempladas na normativa previa. Sobrelexislar complica o coñecemento da lexislación, pero tamén a súa aplicación; non debe entenderse como un factor insubstancial”.
A complexidade do Anteproxecto vén dada, sobre todo, pola súa ambición: establece obrigas para os poderes públicos, pero tamén para entidades privadas e influencers, e adquire condición de lei orgánica, o que implica desenvolver aspectos de dereitos fundamentais da Constitución Española, algo que esixe un consenso político de gran envergadura e calado.
Resúmeo o avogado experto en dereito dixital: “Todos e todas estamos de acordo en protexer aos menores de idade dos perigos que se derivan de empregar mal a tecnoloxía, pero a discusión política está máis no como que no que lexislar. E, desgraciadamente, creo que se perde unha oportunidade de regular a maior problemática da nosa cibercultura: a elaboración de algoritmos que favorecen comportamentos adictivos, e máis particularmente dirixidos aos e ás menores”.
“É a falta de responsabilidade das grandes tecnolóxicas no deseño algorítmico o que nos leva a certificar o enorme impacto para o desenvolvemento dos e das adolescentes; vemos que promoven un consumo adictivo sen realizar unha reflexión ética sobre como está a prexudicar ao e á menor en termos de saúde mental, autoestima...”, expón Salgado. Para el, o Anteproxecto deberá evitar as redundancias e compaxinarse o mellor posíbel coa normativa preestablecida para estruturarse como un instrumento lexislativo eficiente.
Así, na análise que realiza Pintos&Salgado da norma impulsada polo Consello de Ministros, salientan tres novidades interesantes. Por unha banda, a orde de afastamento virtual: “podería entenderse como un concepto de utilidade para protexerse do ciberacoso, sobre todo como medida cautelar; suporía ter a capacidade lexislativa de que o xuíz prohiba calquera tipo de contacto, por calquera medio dixital, coa outra persoa involucrada. Nada de mensaxes por WhatsApp, Telegram, redes sociais, correos electrónicos, cero interacción para aumentar a protección”.
Asemade, o grooming, é dicir, o engano ou ciberacoso por parte dun adulto cara a un menor con obxectivos sexuais: “con este Anteproxecto non só se contempla, como xa se facía previamente, como tipo delituoso, senón que se estipula como un agravante para outros delitos, a principal novidade desde a interpretación xurídica”.
Por último, subliñan o aumento da idade mínima para que o menor consinta directamente o tratamento dos seus datos de 14 a 16 anos, un cambio que afecta á creación dun perfil en redes sociais; nun rango de idade inferior, o menor deberá contar coa autorización dos seus pais ou titor legal.
En resumo, Víctor Salgado insiste: aínda que efectivamente se recollan boas intencións no Anteproxecto, en moitas medidas non é necesario que se execute unha tramitación como lei orgánica, ben porque xa se contemplan dentro do actual panorama normativo (materias de alfabetización dixital ou penalización dos deepfakes) ben porque existen outras vías de apoio máis efectivas (accións de difusión e sensibilización, realización de estudos sobre o impacto das contornas dixitais nos menores).