PlayStation faise con Haven Studios

luns, 21 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Hai un ano Google pechou o seu estudio de videoxogos para Stadia, capitaneado pola célebre Jade Raymond, que agora estaba embarcada en Haven Studios, compañía que hoxe anuncian que se suma a familia de PlayStation, continuando así a serie de adquisicións de estudios que está a desenvolver Sony Interactive Entertainment para fornecer as súas creacións first party.
Dende PlayStation aseguran ter comezado a traballar con Jade Raymond e o seu equipo a primeiros de 2021, antes de que se fixera pública a creación destes novos estudios, e adiantan que están a traballar nun grande xogo multixogador que fomentará as interaccións entre xogadores de xeitos interesantes e transcendentes, que finalmente verá a luz como unha nova saga orixinal para PlayStation.
O anuncio da adquisición realizouse xunto cunhas declaracións da propia Raymond nas que asegura que pretenden «crear un mundo sistémico en constante evolución centrado na liberdade, a emoción e a diversión que manteñan aos xogadores entretidos e implicados durante anos», engadindo que «será unha marabillosa aventura que abarcará varias xeracións», o que parece indicar claramente que PlayStation está a mover ficha para non centrar toda a súa fortaleza nos xogos individuais, e gañar posicións nos xogos en liña.

PUBLICIDADE