Presentan a nova web de Cultura e Educación e máis a do Sistema Galego de Museos
mércores, 9 de xullo do 2014
Este mércores foron
dadas a coñecer de xeito oficial as novas web da Consellería de
Cultura e Educación, cultura.xunta.es
e museos.xunta.es. Na
presentación das páxinas participou o responsable do devandito
departamento autonómico, Xesús Vázquez, acompañado da directora
da Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. A
primeira das webs, fixeron saber, é a canle de comunicación
principal de Cultura e Educación. Entre outras cousas, porá en mans
dos usuarios unha axenda personalizada con toda a actividade cultural
da Xunta, deseñada para acceder desde o ordenador, o teléfono ou a
tablet, e aberta a outras entidades e institucións para
configurar “a futura gran bitácora cultural de Galicia”.
Segundo comentou o
conselleiro, a web salienta en primeiro lugar polo seu nivel amplo de
uso e compatibilidade, amosando “unha estrutura informativa o máis
clara e intuitiva posible para o cidadán, de maneira que non
precise coñecer de antemán o artellamento administrativo do
departamento, senón que poida dar co que busca a nivel temático
cunha navegación áxil”. O portal pon en xogo unha serie de
microsites específicos como
Espazo Europa (información detallada dos programas europeos
no ámbito creativo) ou a Axenda, unha ferramenta para que a
cidadanía coñeza a ampla oferta cultural.
Polo que respecta a
museos.xunta.es, trátase do portal do Sistema Galego de Museos
(MUGA), “unha plataforma de comunicación que pretende recoller
toda a información sobre o traballo desenvolvido e as actividades
realizadas polos nosos Museos, amais de ofrecer novidades no deseño
como visitas virtuais”. A ferramenta en cuestión, explicouse,
responde a unha “necesidade longamente demandada polos profesionais
e os visitantes das institucións expositivas galegas”. A web
ofrécese en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e procura
trasladar “unha imaxe atractiva destes centros culturais”.
Inclúense ao seu abeiro o Museo das Peregrinacións de Santiago, o
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo de Belas Artes da
Coruña, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo Massó, o Museo do
Castro de Viladonga, o Museo Etnográfico do Cebreiro (Pedrafita do
Cebreiro. Lugo), o Museo Pedagóxico de Galicia (Santiago de
Compostela), o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo do Mar
de Galicia.
Na presentación tamén
se fixo saber que os ditos sitios web son froito dunha colaboración
estreita entre a Consellería e AMTEGA, “unha tarefa planificada e
desenvolvida de xeito coordinado entre ambos os departamentos que
hoxe ve a luz, adaptada ás necesidades dunha mellor información e
servizo público, e conforme ás políticas transversais corporativas
da Xunta de Galicia”, informaron Vázquez e Pereira. Segundo
engadiu a titular de AMTEGA, “os novos portais presentados hoxe
cumpren o dobre obxectivo de facilitar e axilizar o acceso da
cidadanía á información e aos servizos que a Administración
pública pon á súa disposición”.
