Profesoras da UDC traballan en potenciar a secundaria europea a través dos videoxogos

martes, 23 de abril do 2024 S. P.

Un equipo de profesores-investigadores do Campus de Ferrol (UDC) está a achegar recursos para mellorar e ampliar a formación na Educación Secundaria do ámbito europeo a través de videoxogos de conflito. O obxectivo é tamén potenciar as capacidades do profesorado e máis do alumnado. Estas son as principais finalidades do Proxecto Erasmus+ Incorporating Interdiscipinarity in Secondary School Education Using Conflict Video Games (InterGames) que lidera pola UDC a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e coordinadora do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro.
Neste proxecto de innovación docente colabora outra docente do Campus Industrial de Ferrol, a profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Ana Ares, así como os profesores da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Elviña (A Coruña), María Bobadilla e Eduardo Barros.
O proxecto InterGames)está coordinado pola organización non gobernamental Südwind de Austria. Forman parte deste consorcio outras dúas ONGs, Citizens In Power de Chipre e Progettomondo de Italia, a empresa Helixconnect de Romanía, a Universidade da Coruña en España, e os centros de educación secundaria Björkhöjdskolan de Suecia e a Bundeshandelsakademie und Bundeshandelsschule Linz International Business School de Austria.
InterGames está co-financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e conta cun orzamento de 400.000 euros. A Universidade da Coruña dispón de 63.450 euros para pór en marcha, antes de finais de 2025, un Laboratorio Virtual de Aprendizaxe para a formación do profesorado de secundaria, un informe científico que avalíe a eficacia da aprendizaxe interdisciplinar nesta etapa formativa así como a elaboración de material complementario para os centros de ensino.

PUBLICIDADE