Q Founder, o reloxo con Android Wear de Fossil
mércores, 25 de novembro do 2015
Para gozar dun smartwatch con Android Wear que poida pasar
por un reloxo tradicional non hai por que recorrer a produtos coma o TAG
Heuer Connected (que ten un prezo de 1.350 euros), senón que outros
fabricantes como Fossil tamén decidiron meterse neste mercado co seu reloxo
de aceiro inoxidable Q Founder, que está dispoñible en Europa por 299 euros.
Deste xeito temos un reloxo dunha marca tradicional
que se achega aos rango de prezos de fabricantes como LG ou Huawei, e incluso
ten un prezo considerablemente inferior se miramos aos terminais con correa
metálica.
O Q Founder de Fossil é un smartwatch resistente a auga cunha correa de cor
prata cun ancho de 22 milímetros que pode comunicarse con smartphones con
Android e iOS a través de Bluetooth 4.1. Ten 1 GB de RAM, unha capacidade de
almacenamento de 4 GB, pantalla
cunha resolución de 360 x 326 píxeles, unha batería de 400 mAh que promete
unha autonomía de 24 horas, un grosor de 13 milímetros e un peso de 71,94
gramos.
Fronte a outros smartwatches semellantes poderiamos comentar que carece de
monitor de ritmo cardíaco, pero non debería ser unha prestación que se bote en
falta xa que non estamos ante un reloxo deportivo. En calquera caso parece que
Fossil atinou ao incorporar ao seu catálogo este reloxo antes da campaña de
Nadal, xa que pode converterse nun agasallo para os usuarios de reloxos que
queiran darlle unha oportunidade ao concepto smartwatch.
- O deseño do Q Founder de Fossil fai que case poida pasar por un reloxo de pulso tradicional