R emitirá pola súa canle dixital parte dos contidos do Festival Play-Doc
venres, 16 de marzo do 2012
O Festival
Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que xa dende hai varias
edicións rozaba a perfección ao contar con concertos, exposicións, obradoiros,
premios, proxeccións, relatorios e diversión asegurada para tódolos visitantes,
vén de acadar o seu máis alto nivel este ano, ao poder emitir os seus contidos
por televisión.
Esta posibilidade chégalle da man do operador galego
R, co que vén de asinar un acordo polo que unha selección dos filmes máis importantes que pasarán
polo festival, así como a obra de grandes realizadores aos que Play-Doc dedicou
amplas retrospectivas, exhibiranse no catálogo do vídeo baixo demanda de R.
Deste xeito, R e Play-Doc ofrécenlle
a máis de 95.000 fogares a posibilidade de acceder a contidos de calidade que
nunca antes chegaran á pequena pantalla e aos que dificilmente se pode acceder
fóra do circuíto de festivais deste tipo.
Xa que logo, e unha vez rematada a
oitava edición do Festival Internacional de Documentais de Tui, parte da
programación de Play-Doc poderá verse na televisión de R, onde o espectador reproducirá
ás pezas ao seu antollo, rebobinando, avanzando ou repetindo a súa emisión
tantas veces como desexe.
Ademais, a través do vídeo baixo
demanda de R, os clientes da operadora terán acceso a información completa de
cada un dos contidos, como a sinopse ou a ficha técnica.
Segundo a organización de Play-Doc, “esta é unha oportunidade única para dar
un maior acceso e visibilidade a algunhas das mellores obras presentadas no
certame ao longo destes 8 anos, e tamén a unha serie de filmes que por
cuestións de espazo quedan cada ano fóra da programación do festival”.
Así, engaden, “aqueles que non poidan
achegarse ata Tui a Play-Doc, terán agora a oportunidade de ver tamén dende as
súas casas o mellor da programación do festival tudense”.
