Regades clausurou a 22 edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, no que participaron medio cento de empresas e asociacións

luns, 14 de marzo do 2022 S. P.

David Regades coa coordinadora xeral do Foro Tecnolóxico de Emprego, Ivana Ogando, e outro dos membros da organización, Álvaro Vázquez

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, clausurou o pasado venres 11 de marzo o Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo, que organiza o alumnado das escolas de enxeñarías de Minas e Enerxía, Industriais e Telecomunicación. Esta edición, que recuperou a presencialidade, contou con medio centenar de empresas, co obxectivo de facilitar ao alumnado un achegamento ao mundo laboral.
David Regades, que visitou as casetas, felicitou ás persoas organizadoras e animounas a “continuar cunha iniciativa con moito talento”, na que Zona Franca participa este ano por primeira vez. Dixo ao alumnado que "tedes moito que dicir no futuro, no que a tecnoloxía será clave e a aprendizaxe continua".
Medio cento de empresas e asociacións
A 22ª edición do foro abriu as súas portas coa participación de preto de medio cento de empresas e asociacións e cunha combinación dos formatos presencial e virtual. Ata o venres 11 as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación acolleron os postos das empresas e asociacións participantes, así como as conferencias e obradoiros previstos nunha edición, na que, á organización liderada por unha vintena de estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, sumáronse por vez primeira delegacións de alumnado das escolas de enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Informática, de Ourense, e Enxeñaría Forestal, de Pontevedra.
Co obxectivo de “facilitar o achegamento laboral dos futuros titulados e tituladas do ámbito das enxeñarías ás empresas e asociacións do sector”, no Foro Tecnolóxico repitiron este ano presenza firmas como Deloitte, Cortizo, Borgwarner, Repsol, Norvento Enerxía, PWC, Grupo Nueva Pescanova, ao tempo que se incorporaron outras novas como a empresa holandesa T Talent, Huawei, Teltek, EFIMOB, DataSpartan, así como AtlantTIC, o Centro de Investigación en Teconoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
Tanto ás empresas, como ao alumnado organizador do evento agradeceu a súa presenza e traballo o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que no acto de inauguración do Foro reivindicou a participación da Universidade de Vigo nunha sociedade mellor, na que cómpre enfrontar retos como o demográfico, a reindustrialización e a igualdade. “A UVigo ten moito que dicir porque a formación dos nosos egresados é moi boa, segundo os empregadores”, sinalou Reigosa, que destacou o traballo da institución por acadar a igualdade real, unha meta que lle pediu ás tituladas e titulados que o adopten como un ideal. O reitor incidiu na súa intervención na importancia que os fondos Next Generation terán para o futuro de Galicia, ao tempo que reivindicou a importancia da colaboración público-privada, a reindustrialización e a formación, incluída a que se imparte a través da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo cunha oferta de cursos de diferente duración, dependendo das necesidades da sociedade.