Remata a rodaxe do teaser de Espontáneas, a nova serie de Raquel Arias
martes, 9 de xullo do 2024
A produtora Intereuropa TV finalizou a gravación do teaser de Espontáneas, unha webserie que conta coas axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta. Espontáneas é un proxecto de Raquel Arias (Vigo, 1989), guionista afincada en Brión, que xa participou en series como Motel Valkirias e O sabor das margaridas e na comedia Ghuasapp, en emisión na Televisión de Galicia e dispoñíbel na plataforma AGalega.
A serie narra unha historia ambientada no século XIX, onde catro mulleres embarazadas e solteiras enfróntanse a un xuízo no que se lles asigna un titor legal para elas e os seus fillos. A historia ten unha mensaxe de apoderamento feminino e está baseada en feitos reais que ocorreron en Galicia no ano 1852. Arias explica que Espontáneas “dá voz a un grupo de mulleres que foron obrigadas a vivir a súa sexualidade a escondidas, afastadas dunha sociedade conservadora e moi preocupada polo que dirán”.
O teaser gravouse en varios puntos de Brión e contou coa participación de Lidia Veiga, actriz coñecida por Matria, A Lei de Santos e Los Argonautas y la moneda de Oro. Veiga interpreta a unha das protagonistas de Espontáneas nun teaser que dá a coñecer a nova proposta de ficción seriada da produtora Intereuropa TV.
Sinopse
1852. A Galicia rural. Gloria, Brígida, Manuela e Flora son completamente distintas pero comparten a mesma situación: quedaron embarazadas de solteiras. O Concello cítaas co fin de nomear un titor que as protexa e que tamén vele polos seus futuros fillos ante unha sociedade que non os ve con bos ollos. Durante o xuízo, coñecemos a historia de cada unha delas a través do seu relato. Unha testemuña na que son obrigadas a contar desde cando están embarazadas, quen son os pais das criaturas e por que tiveron relacións sexuais sen estar casadas.