Revistas británicas en liña incitan ás nenas a obsesionarse coa súa imaxe

mércores, 19 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Varios dos sitios web das revistas femininas que apuntan as adolescentes e pre-adolescentes británicas están a verse envolvidos en certa controversia, xa que segundo o publicado polo xornal anglosaxón The Guardian, estas páxinas están a empregar as tácticas das “revistas para homes”, as cales basicamente incitarían ás rapazas a comezar a preocuparse polo seu aspecto e por o efecto do mesmo no intre do ligoteo a idades cada vez máis temperás. O factor que disparou as alarmas foi a posibilidade de que as menores (no artigo cítase que algunhas terían apenas 10 anos) suban as súas fotografías á Rede para logo seren cualificadas por outras visitantes e, á súa vez, ofrecer as súas cualificacions para determinadas partes dos seus corpos incluíndo as pernas, cadeiras e os peitos, entre outras.

Nos sitios devanditos (noméanse as revistas Mizz, Bliss, FHM e Nuts, sendo as dúas últimas de características semellantes pero para homes), tamén soen incluírse enquisas para que as lectoras puntúen a rapaces segundo as fotos que aparecen penduradas, que nun deses sitios figuran no apartado “lush lads” , algo así coma “rapaces luxuriosos”. Dende a redacción do xornal británico enfatizan o feito de que as ditas revistas apuntan a un segmento de mercado adolescente que parte de nenas de apenas dez anos.

Por outra banda, o artigo en cuestión engade que nunha recente reunión do grupo Women in Journalism (mulleres no xornalismo) abordouse esta problemática, a cal tivo a súa xénese nas revistas de adolescentes tradicionais, responsables para as participantes da importancia sen conto que as rapazas dan á sexualidade e á beleza, factor reforzado mediante a posibilidade de publicar fotos e opinións nas súas webs.

Por último, o informe asegura que nun estudo no que participaron 3.000 rapazas do Reino Unido, máis da metade consideraba que os medios de comunicación contribúen a facelas pensar que seren “delgadas e atractivas” é o máis importante para elas e un 95 por cento dicía que tanto Kate Moss coma Victoria Beckham son os modelos de beleza a seguir.

PUBLICIDADE