Ribadumia salienta a boa acollida da súa nova aposta dixital

xoves, 1 de setembro do 2016 Redacción

A mediados de xuño o Concello de Ribadumia (Pontevedra) presentou a súa nova presenza na web, dispoñible en ribadumia.org, unha aposta firme pola facilitade de uso e pola utilidade que se complementou, no plano integrador, cunha aplicación participativa para dispositivos que fornece avisos á veciñanza en tempo real das actividades e notificacións do Concello. Agora, dous meses despois da posta en marcha do servizo (desenvolvido polos profesionais da firma Galimaxina e coa colaboración de todos os traballadores da Administración local), o Executivo de Ribadumia fixo reconto do acadado: o alcance da nova web e a aplicación e o comportamento das páxinas municipais nas redes sociais. Para comezar, o Concello salientou que “en apenas dous meses de funcionamento a web recibiu preto de 3.000 visitas”.
O Goberno local tamén destacou a porcentaxe de novas visitas á web, “que vai en incremento”. De feito, sinalou, a día de hoxe un 75% son novas conexións, “o que significa que esta ferramenta está tendo unha boa integración, e moita xente está a coñecer a páxina oficial do Concello e a beneficiarse da información que alí se recolle”.
Os responsables da posta en marcha de ribadumia.org tamén fan fincapé na vertente de transparencia do portal, dende o que se permite que os veciños e veciñas poidan ver (entre outras cousas) as declaracións de bens dos diferentes membros da corporación local, e acceder a outros documentos como as actas dos plenos aprobadas ata o de agora, ou o modelo de instancia para presentar no consistorio. “O obxectivo”, explicou o Goberno local, “é axilizar os procedementos para os veciños e que teñan á súa disposición a maior información posible”.
En canto aos datos da plataforma e a aplicación omeuconcello.ribadumia.org, o Concello informou que son xa preto de 9.000 as visitas recibidas, con varios minutos de navegación en cada unha delas, “unha mostra clara do alto interese que esta a xerar esta plataforma”.
No que atinxe ás redes sociais, o Goberno de Ribadumia tamén salientou a súa traxectoria recente no Facebook, onde os seareiros da páxina incrementáronse nun 30% nos últimos meses, e cuxas publicacións acadan xa as 13.000 persoas semanais, dato que cómpre sumar ao incremento das interaccións coas publicacións, que é dun 27%, o que indica, en palabras do Consistorio, “o alto interese que suscita o que se comparte neste portal, e que moitas persoas seguen a vida do concello a través desta rede social”.