Ribeira conmemora o 25-N cunha campaña nas redes sociais
venres, 11 de novembro do 2022
O
Concello de Ribeira presentou o programa municipal de actividades
para conmemorar e visualizar o 25-N, o Día Internacional Contra a
Violencia de Xénero. Foi dado a coñecer pola concelleira de
Servizos Sociais, Ana Barreiro, xunto coa directora do CIM Dolores
Crujeiras, que salientaron o importante número de accións
previstas, que inclúen un curso de autodefensa, eventos escolares,
espectáculos de maxia e contacontos, un stand Agresión Off
ou unha campaña en redes sociais. Tamén está programado o
tradicional acto institucional do 25 de novembro.
A
campaña nas redes
Así,
a partir deste venres 11 de novembro arrancará unha campaña
denominada #unhaimaxeporelas na que a través de diversas redes
sociais, pantallas dixitais e a web do Concello (www.ribeira.gal)
búscase facer “unha homenaxe ás mulleres falecidas este ano por
violencia machista”, difundindo a diario carteis que combinan a
fotografía en branco e negro dalgún lugar do municipio cunha breve
descrición biográfica de cada vítima.
Actividades
para escolares
No
concernente a actividades destinadas a alumnado, o mércores 23 de
novembro haberá un espectáculo de maxia no Auditorio Municipal
destinado a 4º e 5º de Primaria dos centros educativos do municipio
que levará por titulo A igualdade non ten truco (de 10 a 13
horas).
O
martes 29 de novembro, na praza do Concello, emprazarase un stand
Agresión Off entre as 11 e as 18 horas, con participación de
alumnado de 1º de ESO. E tamén hai que recalcar a celebración de
sesións contacontos en streaming que ten como destinatarios
estudantes dende 4º de Infantil ata 3º de Primaria.
Outra
iniciativa a ter en conta será o autodefensa dirixido a mulleres
maiores de 18 anos que terá lugar na Fieiteira o 26 de novembro en
horario de 10 a 14 e de 17 a 21 horas, impartido por profesionais da
Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.
E na
véspera, venres 25 de novembro, a praza do Concello acollerá a
partir das 11 horas un acto institucional no que se lerá un
manifesto e se gardará un minuto de silencio, ademais de albergar
unha performance da soprano noiesa Esperanza Mara. O evento
está aberto a toda a cidadanía, ademais de contar coa participación
de alumnado de ESO e FP básica que tamén efectuarán unha vistosa
actividade na que estudantes portarán uns cubos cos nomes das
vítimas que serán utilizados para montar unha especie de stand
estilo LEGO.
Ana
Barreiro recordou que o Concello tamén se adheriu tanto á X Andaina
contra a violencia de xénero Campaña ao Respecto da Xunta de
Galicia, como á campaña De fronte da Deputación.
