Rocksmith permitiranos xogar cunha guitarra de verdade dende o 27 de setembro

venres, 24 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Aínda que as franquías de Guitar Hero e Rock Band desapareceron do mercado despois dunha sobreexplotación das súas marcas, os xogos musicais continúan vixentes, que incluso recollen o relevo do formato anterior e lévano máis adiante con títulos como Rocksmith, xogo que o 27 de setembro chegará a Europa en versións para Xbox 360 e PlayStation, para achegarse tamén ao PC o 18 de outubro, e que destaca fronte aos seus antecesores por non controlarse cunha guitarra de plástico, senón que o seu control é unha guitarra eléctrica real que se conecta ao PC ou á consola mediante un adaptador, de xeito que as partidas que xoguemos serán auténticos adestramentos para aprender a tocar unha boa selección de temas musicais.

JPEG - 32.7 KB
Un adaptador permite conectar unha guitarra eléctrica á consola ou ao PC

Para que os usuarios principiantes non se frustren, o xogo adapta o seu nivel de dificultade, de xeito que irase evolucionando pouco a pouco ata ser capaz de tocar realmente as cancións do xogo, entre as que figuran temas moi variados como (I Can’t Get No) Satisfaction dos Rolling Stones, Are You Gonna Go My Way de Lenny Kravitz, Boys Don’t Cry de The Cure, In Bloom de Nirvana e Vasoline dos Stone Temple Pilots.
Para poder gozar de Rocksmith tanto poderemos empregar unha guitarra eléctrica que tiveramos comprado con anterioridade ou adquirir directamente un dos lotes do xogo que, aparte do convertedor jack-USB, incluirá unha guitarra por uns 200 euros.

JPEG - 109.5 KB
O xogo ten unha mecánica moi semellante á de Guitar Hero


Trailer do xogo estreado co gallo da Gamescom

PUBLICIDADE