Sherpa do Mar remata a súa andaina lanzando ao mercado unha ducia de revolucionarias startups
venres, 1 de abril do 2022
O
proxecto
europeo Sherpa do Mar rematou a súa andaina impulsando o lanzamento
ao mercado dunha ducia de firmas innovadoras que, dende
diferentes frontes e a través de formatos diversos, modernizan o
sector mariño-marítimo da contorna galego-portuguesa. No balance
que coincide co remate do proxecto tamén se fai saber que Sherpa do
Mar (liderado polo Grupo Rede, o Campus do Mar e a Oficina de I+D da
UVigo) contribuíu, dende a súa posta en marcha en 2019, á
modernización e á competitividade de 120 empresas.
Así
se expuxo este xoves 31 de marzo no evento de peche e divulgación de
resultados desta iniciativa transfronteiriza, unha xornada na que se
explicou que grazas aos recursos xerados a través da cooperación
galego-lusa foi posible lanzar ao mercado 12 novas iniciativas
empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo
da Eurorrexión favorecendo, á súa vez, a xeración de emprego, o
apoio a 20 empresas para desenvolver a súa competitividade
empresarial a través de actividades innovadoras e a elaboración de
diagnoses personalizadas de desempeño innovador a 120 empresas de
Galicia e norte de Portugal con actividades relacionadas co mar.
A
xornada, retransmitida vía streaming, tivo lugar na sede da
Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela (GAIN) e nela
contouse coa participación do catedrático de Organización de
Empresas e coordinador do grupo de investigación Rede da
Universidade de Vigo, Xosé Henrique Vázquez, e a directora da Área
de Servizos de GAIN, Patricia Fernández Liz.
Como
explicou Vázquez, con Sherpa do Mar o que se fixo “foi tentar
aproveitar todos os recursos que había, que xa eran moitos e moi
capacitados”, para impulsar o emprendemento tecnolóxico, a
creación de startups que engadisen ao tecido empresarial un
elevado nivel de coñecemento. Os retos a afrontar foron a
dixitalización e o ecoturismo, pasando pola seguridade e a
rastrexabilidade (trazabilidade) alimentaria
Estes
12 proxectos empresariais lanzados ao mercado teñen en común ser
proxectos emprendedores, valorizados e acelerados no programa Sherpa
Journeys, de base tecnolóxica e que achegan solucións innovadoras
ás necesidades actuais do ámbito mariño-marítimo. “Abranguen
sectores diversos, como o acuícola, o portuario, o conserveiro ou o
turístico e aplican tecnoloxías punteiras a retos como a
dixitalización, o uso sustentable de recursos, a seguridade, o
ecoturismo ou a rastrexabilidade alimentaria”, apuntou a
responsable do proxecto, Andrea Ogando, investigadora do grupo Rede.
O
abano de empresas que saen ao mercado baixo o selo de Sherpa do Mar
son Abzu, unha plataforma de operacións portuarias baseada na
tecnoloxía blockchain que permite aforrar tempo e diñeiro
nas operacións portuarias de forma pioneira; ActiveAlgae,
onde traballan con algas pouco comúns para empregalas na industria
cosmética sempre co obxectivo de minimizar o impacto ambiental;
Basemar, firma que achega unha solución para sinalizar os
viveiros de mariscos, unha baliza de sinalización marítima con
fondeo ecolóxico; Bima, que
permite dixitalizar e modernizar a metodoloxía de traballo
dos sector marítimo-pesqueiro e Bioprana, que parte dun
cóctel de microorganismos que aceleran a descomposición da materia
orgánica e ofrece numerosas vantaxes á industria acuícola (menor
impacto ambiental, maior sustentabilidade e benestar animal...).
Amais,
de cara a evitar o impacto económico e medioambiental que causan os
arredor de 1.500 contedores que se funden cada ano nos mares e
océanos, xurde Cobs, un dispositivo de localización
instantánea que permite identificar estes contedores e evita o seu
afundimento. Pola súa banda, Fish & Food Technology vai
dirixida a mellorar o rastrexo e localización dos produtos da pesca,
e Kersship é un novo
motor propulsor para buques que permite unha maior autonomía
enerxética, reduce as emisións e evita riscos de colisión.
Ademais,
MytUniSex dedícase á produción intensiva de mexillón
unisex todo o ano, de cara a satisfacer a demanda de mexillóns do
xénero Mytilus, de gran valor comercial no mercado e moi apreciados
polo consumidor. A listaxe de empresas complétase con Sailing for
Science, ecoturismo mariño baseado na sustentabilidade; Subgo,
iniciativa que apoiada na Realidade Virtual crea experiencias
inmersivas nos fondos mariños; e ValBioSea, dirixida a
avaliar o potencial das algas invasoras presentes nas costas galegas
e separar os seus compostos bioactivos para que poidan ser usados na
industria alimentaria, cosmética ou farmacéutica sen atentar contra
a biodiversidade do medio mariño.
O
proxecto europeo Sherpa do Mar arrancou no verán de 2019 cun
orzamento total de 997.184 € - inserido na convocatoria Poctep
2019- e nel participaron como socios, ademais da propia Universidade
de Vigo, que exerceu como coordinadora: o Consorcio Zona Franca de
Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), as universidades de
Santiago e da Coruña, a Associação de Transferência de Tecnologia
da Asprela (UPTEC), a Universidade do Porto Inovação (UPorto-UPIN),
o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental
(CIIMAR) e o Fórum Oceano-Associação da Economia do Mar. Unha vez
rematado, desde o consorcio están a elaborar un plan de
sostenibilidade no que se explorarán e valorarán diferentes opcións
que poidan dar continuidade a esta iniciativa.
