Starlink reduce á metade o prezo do seu equipamento

xoves, 29 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

A compañía de SpaceX que ofrece servizo de acceso á Rede mediante satélites de baixa altura (conseguindo grandes velocidades de acceso e reducida latencia), Starlink, leva uns meses reducindo o prezo do seu servizo e eliminando a cota de activación, converténdose nunha opción cada vez económica para acceder á Rede dende zonas onde non hai banda larga fixa, e para facer aínda mellor a súa oferta reducen á metade o prezo do seu equipamento, de xeito que xa non resultaría rendible alugalo.
O servizo residencial de Starlink queda agora a un prezo de 49 euros/mes, mentres que o equipamento ten un prezo de 225 euros, converténdose nunha das ofertas máis agresivas do mercado, só comparable coas actuais conexións de Hispasat que, grazas ás subvencións, quedan en 35 euros/mes, pero cunhas conexións moi deficientes (velocidade de subida de só 10 Mbps e unha latencia de até 690 milisegundos, mentres que Starlink ofrece subida de 22-39 Mbps e latencia de 29-44 milisegundos). As conexións por Hispasat tamén teñen unha importante limitación no volume de datos ao mes (150 GB/mes), que unha vez superado provocará unha baixada na velocidade do servizo.

PUBLICIDADE