Subiteya.com: o YouTube dos hispanofalantes

xoves, 2 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Xa está operativa na Rede a versión para hispanofalantes do Youtube chamada Subiteya.com, servizo que funciona de xeito semellante á popular web de vídeos permitindo aos membros da nova comunidade subir e comentar pezas audiovisuais. Segundo os seus creadores, o sitio permitiría pendurar unha maior cantidade de vídeos có Youtube, xa que asignaría a cada usuario máis megas ca outros sitios semellantes.
No seu primeiro día aberto ao público xeral o espazo ten xa algúns vídeos nos que se inclúen coches, avisos publicitarios, as torres xemelgas durante o 11-S e pezas sobre mulleres e de fútbol.
O sitio foi creado polos responsables do portal de noticias Infobae.com, publicación “centrodereitista” da Arxentina, e nos vindeiros días poderemos comprobar se o sitio esperta interese na comunidade de internautas ou non.

PUBLICIDADE