Turismo Rías Baixas estrea conta en Instagram

luns, 4 de xaneiro do 2016 Redacción

Turismo Rías Baixas (Deputación de Pontevedra) comezou o ano estreando un novo espazo de seu nas redes sociais, desta volta en Instagram. A apertura do novo sitio, segundo sinala o organismo provincial, confirman “o crecemento imparable” de Turismo Rías Baixas nas comunidades 2.0. De feito, xa conta con 25.000 seareiros a través destas vías, dos cales 9.228 están en Facebook, máis de 16.172 en Twitter e 492 en Youtube.
Agora, a través de Instagram, o organismo turístico provincial transmitirá, “de forma visual e a través de fotografías e infografías”, información e recursos sobre o destino turístico Rías Baixas e cada un dos 62 concellos da provincia. Segundo sinala a institución pontevedresa que preside Carmela Silva, “a comunicación visual é esencial no sector turístico, polo que Instagram é unha rede social óptima para chegar ao público obxecto da comunicación do destino”. A idea, a maiores, é “establecer unha canle de información e manter unha relación directa coas usuarias e os usuarios, mediante mensaxes públicas e privadas que funcionan como un centro de atención ao turista”.
Na conta @turismoriasbaixas de Instagram divulgaranse, “cunha frecuencia inicial de tres a seis publicacións semanais”, as imaxes de recursos turísticos do destino. Porén, haberá igualmente información sobre eventos, actividades, carteis e imaxes sobre elementos atractivos ou diferentes que poidan chamar a atención de distintos públicos. Incluirá tamén gran parte dos contidos relacionados co Museo de Pontevedra e compartirá imaxes doutros usuarios de Instagram.