Unha xornada do CCG convida a unificar esforzos e tecnoloxías para preservar o tesouro sonoro
xoves, 6 de febreiro do 2020
O
noso patrimonio sonoro, un ben a conservar, está en perigo polas
dificultades para a súa conservación, pola disparidade dos mapas
documentais existentes, pola contaminación acústica e polas
complexidades que guinda a diferenciación entre o que son ruídos
permitidos legalmente do que non. Esta
foi unha das grandes conclusións ás que se chegou esta semana no
transcurso das xornadas Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio,
organizadas polo Consello da Cultura Galega e inauguradas pola
súa presidenta, Rosario Álvarez, quen avogou pola importancia de
“comprender o son como un ben patrimonial”.
Para
isto, lembrou, existen hoxe en día múltiples ferramentas
tecnolóxicas que nos poden axudar na preservación e na divulgación.
O problema, lembrouse nas xornadas é a vontade común de rexistrar e
a falta de sensibilización ao respecto.
No
marco desta xornada falouse do son como “elemento identitario
necesario na preservación da memoria”, pero tamén de aspectos
cotiás como a Lei de Contaminación Acústica (máis coñecida como
“lei do ruído”). Neste eido, o investigador da Universidade de
Oviedo, Javier Suárez, cuestionou na súa intervención os
parámetros que marcan que ruídos son legalmente molestos dos que
non. Segundo dixo, a normativa baséase na intensidade, mentres que
existen outros criterios como a frecuencia, o ton ou a amplitude que
poden ser máis molestos que o ton e perfectamente legais. Na súa
intervención defendeu a necesidade de distinguir entre “o son, que
escoitas con pracer, e o ruído, que é molesto”.
A
memoria e a conservación
Durante
dous días (mércores 5 e xoves 6 de febreiro) expuxéronse as
dificultades e retos na conservación do son. Sobre este aspecto
falaron Miquel Termens Graells, decano da Facultade de Información e
Medios Audiovisuais da Universitat de Barcelona, que deu as claves de
como almacenar un documento sonoro para o futuro; e Ángeles Afuera,
a que foi directora dos arquivos da Cadena Ser e investigadora da
Universidade Complutense de Madrid que apuntou a pertinencia da
radio pode como fonte documental sonora.
A
xornada completouse cunha mesa redonda na que se viu a disparidade e
falta de homoxeneidade de tres proxectos: os mapas sonoros de
Euskadi, Galicia e do proxecto portugués Natural soundscapes in a
changing world.
A
experiencia
O
programa reservou a tarde do mércores ao que se cualificou como “a
experiencia sonora compostelá”, unha xeira de rexistro á que se
convidou a participar as persoas inscritas neste seminario: un total
de trinta voluntarias e voluntarios, seguindo as indicacións de Xosé
Ramón Pousa, un dos impulsores das xornadas. A proposta consistiu en
gravar de maneira simultánea o son ambiente en corenta puntos do
casco histórico compostelán cunha serie de indicacións e pautas. O
son da campá da Berenguela foi o elemento integrador en toda a
actividade, que se desenvolveu entre as 16.55 e as 17.05 horas e que
está previsto subir ao Mapa
Sonoro de Galicia posto en marcha e mantido polo Consello da
Cultura.
