Usuarios alertan sobre o intento de roubo de contrasinais de Gmail

martes, 14 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Quen de nós non recibiu algunha vez unha mensaxe dicindo que se non facemos certas cousas Hotmail ou Yahoo! ou quen fora pecharía as nosas contas? Pois unha vez máis, os usuarios hispanofalantes de Gmail (tamén se denunciaron casos de Hotmail) viron como alguén recorría a esta retórica para roubar os seus contrasinais de correo electrónico. O modus operandi denunciado ao xornal Infobae.com é o seguinte: o usuario recibe un correo de Gmail no que se lle di “Estimado usuario, debido ao incremento dos ataques por medio do Spam, vémonos na obriga de verificar o uso das contas de correo electrónico” e, mediante unha ligazón suxírennos entrar nas nosas contas, algo que (sinalan) se non se fai nos seguintes 15 días a empresa “verase na obriga de anular a conta por razóns de seguridade”.

Obviamente, a páxina á que nos leva a devandita ligazón non e máis que unha falsificación da páxina orixinal de Gmail e, malia ser moi semellante, ten unha serie de diferenzas (ver imaxe). A primeira reside na marxe superior da esquerda: en troques de “Gmail”, di “Google mail”, e o contador de espazo, que decote vai mudando na páxina de imitación, fica quedo.

PUBLICIDADE