Vodafone achega 200.000 euros para premiar o traballo ben feito en tecnoloxía social e da saúde

martes, 16 de xullo do 2013 Redacción

Vodafone Foundation vén de convocar un certame dirixido a estimular innovación social e a recoñecer o traballo ben feito no eido da tecnoloxía solidaria. Trátase dos Mobile for Good Europe Awards, encamiñados, en palabras da operadora, “a premiar aplicacións móbiles deseñadas para mellorar a calidade de vida das persoas e que xeren un beneficio público”. Estes recoñecementos, por certo, contan co apoio da Plataforma Europea AGE, unha iniciativa que traballa a prol dos máis de 150 millóns europeos maiores de 50 anos e a European Disability Forum, entidade que representa a máis de 80 millóns de persoas con diversidade funcional e motriz en Europa.
A edición deste ano consta de catro categorías: Saúde, Educación, Accesibilidade e Servizos Públicos. Concederanse 200.000 euros ás mellores aplicacións móbiles desenvolvidas nos sistemas operativos Android e iOS. Cada categoría repartirá 50.000 euros entre o tres apps mellor valoradas polo xurado, 30.000 euros para o gañador, 15.000 para o segundo e 5.000 para o terceiro.
A inscrición debe facerse a través da páxina web dos Mobile for Good Europe Awards, mobileforgoodeuropeawards.com. O prazo para presentar aplicacións remata o 15 de outubro de 2013.
A categoría de Saúde busca solucións innovadoras relacionadas con aspectos como o seguimento do paciente en tempo real ou a recolección e envío de datos sobre o estado de saúde. Pola súa banda Accesibilidade céntrase en aplicacións accesibles que melloran a calidade de vida das persoas con diversidades funcionais e as persoas maiores. Educación premiará apps que sirvan como ferramentas simples e efectivas para as tarefas de ensino e aprendizaxe. Por último, Servizos Públicos está enfocada a como as administracións públicas, tanto locais como nacionais, poden utilizar a tecnoloxía móbil como ferramenta para ofrecer servizos e realizar xestións aos cidadáns.
O director de sustentabilidade do Grupo Vodafone e director de Vodafone Foundation, Andrew Dunnett manifestou que “a tecnoloxía móbil pode ser utilizada para educar, dar autonomía persoal e potenciar a millóns de persoas; agardamos que os Mobile for Good Europe Awards inspiren aos innovadores a investir en novas e creativas formas de usar o teléfono móbil que melloren a calidade de vida das persoas e ofrezan beneficios públicos substanciais”.