Vodafone conectará con 5G real a máis de 80 municipios galegos este ano

martes, 22 de marzo do 2022 Anxo Sesto

Vodafone conectará con 5G real 81 municipios galegos, de forma progresiva e ata final de ano, despois de adquirir en xullo o 2x10MHz de espectro na banda de 700MHz. Nesta primeira fase, a operadora incluíu 70 localidades de menos de 25.000 habitantes, 4 por debaixo de 50.000 e 7 por enriba de 50.000 habitantes. En total, 1.749.188 habitantes galegos que poderán acceder ao servizo 5G de Vodafone.
Segundo as provincias, na da Coruña, algúns dos municipios que se beneficiarán das vantaxes da 5G son Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Ferrol, Narón, Ordes, Pontedeume, Santiago de Compostela, Arzúa, Muros, Noia, Oleiros, Sada, Valdoviño... e así ata 31 municipios.
En Pontevedra están os municipios de Caldas de Rei, Mos, O Porriño, Tui, Vilaboa, Sanxenxo, Marín, Vilanova de Arousa, Baiona, Cambados, O Grove, Illa de Arousa, Vigo... seguindo ata 27 municipios totais.
Na parte de Lugo e Ourense son 13 e 10, respectivamente, os municipios aos que chegará a 5G. Entre as 23 localidades das dúas provincias atópanse: Barreiros, Mondoñedo, Ribadeo, Cospeito, Foz, Palas de Rei, Viveiro, Celanova, Barbadás, A Arnoia, O Barco de Valdeorras, Castrelo do Val, Toén...
Coa chegada da 5G, estes municipios poderán gozar de descargas de contidos a 5 veces máis velocidade que con 4G, unha menor latencia de visualización de contidos ou xogos online e posibilidade de ter máis dispositivos conectados de forma simultánea sen perder calidade de rede. Outra das vantaxes da rede de 5G en frecuencia de 700MHz é a maior e mellor cobertura que ofrece nos interiores de edificios, con grande dispoñibilidade de ancho de banda.

PUBLICIDADE