Zarpamos apoia as ideas máis emprendedoras dos alumnos da Facultade de Informática
luns, 25 de marzo do 2013

- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e o principal responsable de Zarpamos, Manuel García
O 1 de
outubro do pasado ano nacía na Coruña unha iniciativa baixo o nome
de Zarpamos,
unha aceleradora-incubadora de empresas tecnolóxico-dixitais galega
ao cen por cen e
coa vontade firme de “navegar por
moitas augas”. Cómpre dicir que un
dos grandes piares e obxectivos desta proposta é ter e manter
alcance internacional, achegándose a colaboradores de todo o mundo.
Dende Zarpamos ofrécese a oportunidade de levar á realidade as
ideas dos emprendedores, fornecéndose a contorna máis axeitada para
facer que un novo empresario se enfoque no que de verdade se ten que
enfocar: a creación do seu negocio. Esta
mesma filosofía serán tamén aplicable ás iniciativas que xurdan
da Universidade da Coruña, máis polo miúdo da Facultade de
Informática.
Volvendo
a Zarpamos, sinalar que o factor
diferencial máis importante desta nova aceleradora TIC é que todos
os que forman parte de Zarpamos son emprendedores, de aí que se
deseñase un programa de aceleración e acubillo empresarial
respondendo ás necesidades reais que ten que afrontar nos seus
comezos calquera emprendedor. Os proxectos elixidos abranguen áreas
moi diferentes, como comercio electrónico, agricultura, saúde,
negocios, téxtil/moda, pero sempre co denominador común de
pertencer ao ámbito tecnolóxico como solucións web ou aplicacións
móbiles.
Deixando
clara a esencia de Zarpamos,
a pasada semana (o 22 de marzo) anunciábase que o reitor da
Universidade da Coruña -Xosé
Luís Armesto- viña de asinar un acordo co representante da empresa
Zarpamos -Manuel García- do cal se beneficiarán os alumnos da
Facultade
de Informática,
que grazas a este convenio poderán ver realizados os seus proxectos
de fin de carreira.
Así,
Zarpamos avaliará cada ano os traballos finais dos alumnos da
Facultade de Informática e elixirá aqueles con
máis proxección co gallo de axudarlles a crear unha empresa, pois a
firma coruñesa ten acordos con socios e inversores de dentro e fóra
de España.
Engadir
que esta colaboración permitirá que os alumnos dos últimos cursos
do Grao en Enxeñaría Informática poidan facer prácticas nas
empresas coas que colabora Zarpamos. Este convenio -resumiu o reitor-
“permitirá fortalecer as relacións entre a Universidade da
Coruña e Zarpamos para colaborar en proxectos de formación e
emprendemento”.
