iTunes xa permite a compra e aluguer de películas dende España

luns, 8 de novembro do 2010 Marcus Fernández

A industria audiovisual non deixa de queixarse da piratería das súas obras pese a que restrinxe a súa oferta de contidos a canles de distribución que moitos consideran cousa do pasado, e para contribuír a paliar tal situación Apple estrea finalmente na versión española da iTunes Store a posibilidade de mercar e alugar películas, aínda que cun catálogo bastante limitado e uns prezos un tanto elevados.
Deste xeito, agora podemos explorar por xéneros as distintas películas dispoñibles dende a tenda española de iTunes, polas que hai que pagar 3,99 euros para o aluguer de novidades (2,99 euros para películas máis vellas) e 13,99 euros pola compra de estreas (baixando o prezo a 9,99 euros para o resto de títulos).
Esta solución non está baseada en streaming senón na descarga das películas (incluso en alta definición) e permite demorar ata 30 días para comezar a reprodución dunha peza, momento tras o que teremos 48 horas para rematar de vela.
Polo momento esta oferta de contidos non inclúe series de televisión (o que podería mudar nos vindeiros meses), e as películas descargables teñen certas carencias: están protexidas por DRM (o que limita a súa reprodución), carecen de subtítulos e pistas de audio adicionais, a meirande resolución dispoñible é 720p (bastante lonxe dunha alta definición completa) e incluso hai bastante obras que só poden mercarse (e non alugarse).

PUBLICIDADE