A Aula CeMIT de Ribeira acolle este luns 27 unha xornada sobre transformación empresarial
xoves, 23 de marzo do 2023
Este
luns 27 de marzo a Aula CeMIT de Ribeira vai acoller unha xornada
formativa e divulgativa sobre transformación tecnolóxica e sobre
novos xeitos de emprender e traballar: métodos colaborativos,
innovadores, competitivos e renovadores. A cita vén da man da Cámara
de Comercio de Santiago. Desenvolverase baixo o seguinte epígrafe:
Como podo levar a cabo a transformación dixital da miña empresa?
Xestión do cambio para a dixitalización. A cita será este luns
27 na Aula CeMIT de Ribeira, de 17.00 a 19.00 horas.
Esta
xornada enmárcase dentro do obxectivo xeral da Cámara de impulsar
un espazo de incubación e aceleración (o seu Centro de Coworking)
para mellorar a competitividade e incrementar a produtividade das
empresas, a través do fomento da transformación dixital das persoas
emprendedoras, autónomas e pemes ofrecendo instalacións,
equipamento tecnolóxico, e servizos avanzados para os proxectos
incubados, que promovan a incorporación das TIC (Tecnoloxías da
Información e a Comunicación), a dixitalización, a innovación e a
internacionalización no plan de negocio.
Entre
os obxectivos específicos do Coworking da Cámara de Comercio de
Santiago de Compostela cabe salientar os seguintes: potenciar o uso
de ferramentas dixitais para as persoas emprendedoras e micropemes
fomentando un entorno colaborativo; potenciar o uso e manexo da
análise da información a gran escala (Big Data) e crear
plataformas dixitais competitivas; facilitar que os sectores
produtivos entendan o proceso de transformación dixital, o demanden
e leven á práctica; fomentar a implantación de tecnoloxías na
nube; mellorar a competitividade das empresas a través do comercio
online e o uso de canles dixitais e favorecer o incremento da
adopción de solucións TIC de xestión empresarial (ERP, CRM,
SCM...).
Segundo
explica a entidade cameral compostelá nun plano máis detallado, a
xornada ten como obxectivo “aprender a xestionar a implementación
dos procesos de transformación dixital con éxito, e coñecer os
seus beneficios e impacto no negocio”. Tamén se busca botar luz
sobre os aspectos clave para que a transformación dixital da empresa
supoña un éxito dentro da organización, e o deseño de estratexias
para a xestión do cambio na organización ante a implementación dun
proceso de transformación dixital.
Vai
dirixida a persoas emprendedoras, persoas autónomas, pemes,
micropemes e empresas do Barbanza.
O
formato da xornada será presencial. A persoa encargada de impartir
os contidos será Pablo López, experto en transformación e
innovación.